Inicio Galicia A Xunta traballa na mellora silvícola do piñeiro para incrementar en cantidade...

A Xunta traballa na mellora silvícola do piñeiro para incrementar en cantidade e calidade a produción de madeira

0

Este centro dependente da Consellería do Medio Rural iniciou no 2016 un programa específico co fin de definir as mellores técnicas para obter nun futuro próximo plantacións sustentables, de alta produtividade e de calidade óptima


O Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán, que depende da Consellería do Medio Rural, traballa na mellora silvícola do piñeiro para incrementar a súa produción –fundamentalmente de madeira– tanto en termos cuantitativos como cualitativos e, polo tanto, facelo máis competitivo.

Así se puxo de manifesto hoxe nunha xornada técnica promovida por este centro, que está integrado na Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), e que tivo como finalidade trasladar a súa experiencia na materia a propietarios forestais e outros representantes do sector.

O programa deste evento incluíu explicacións de técnicos e investigadores de Lourizán, a través de charlas impartidas no pazo de Quián, en Sergurde (Boqueixón) e tamén unha visita á parcela de ensaios silvícolas situada no concello coruñés de Frades, que xestiona a Agacal.

O CIF de Lourizán iniciou no ano 2016 o programa de mellora silvícola do piñeiro, coa finalidade de definir as mellores técnicas para obter nun futuro próximo plantacións sustentables, de alta produtividade e de calidade óptima. Trátase, tamén, de fomentar a conservación da especie e de loitar contra pragas e enfermidades.

Esta iniciativa enmárcase no Plan de innovación e mellora forestal de Galicia 2010-2020, que está apoiado por Inditex e que comprende, esencialmente, dous programas. Por un lado, o de mellora xenética e por outro o de mellora silvícola. En canto ao primeiro, cómpre destacar que a calidade do material de reprodución de piñeiro é o factor que máis inflúe na súa adaptación ao medio, no seu crecemento e na calidade tecnolóxica dos seus produtos.

Pola súa banda, a silvicultura, é dicir, o manexo científico dos bosques para a produción continua de bens e servizos, resulta tamén esencial para a mellora forestal. Neste sentido, é imprescindible coñecer os factores que afectan o ciclo vital dos individuos e das poboacións forestais, tales como os nutrientes do chan, a auga, a luz ou a temperatura, para entender como se deben desenvolver e optimizar os labores silvícolas. Así, as dúas liñas principais nas que se fundamenta este programa son as técnicas de preparación de chan e de implantación de masas, por un lado, e de fertilización e control da maleza, por outro.

Obradoiro sobre resinaTamén en relación co sector forestal e baixo a coordinación da Agacal, o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Becerreá (Lugo) acolleu hoxe un obradoiro sobre a produción de resina en Galicia. Esta acción formativa contou cunha parte teórica e outra práctica. A primeira versou sobre cuestións coma os diferentes sistemas de obtención deste produto (resinación), a resposta biolóxica e fisiolóxica das árbores, a industria de transformación ou o valor engadido da resina.

A parte práctica deste taller impulsado pola Consellería do Medio Rural consistiu nas tarefas propias de resinación en piñeiro do país no monte, cunha fase mecánica (organización do traballo, alisado de cortiza, lonxitude da pica, colocación da grapa e do pote) e outra fase química ou de aplicación de pasta.

Esta acción serviu tamén para poñer en valor a incidencia positiva do sector resineiro galego cara unha xestión integral, rendible e sustentable do monte, ao tempo que contribúe á prevención de incendios, xa que mantén limpos os terreos forestais nos que se desenvolve esta actividade. Ademais, incidiuse en que a resina ten moitas aplicacións, tanto para a industria farmacéutica ou para produtos como a goma de mascar, tintas de impresión ou plásticos.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre