Inicio Galicia A Xunta traballa coas empresas galegas na súa expansión en oito mercados...

A Xunta traballa coas empresas galegas na súa expansión en oito mercados internacionais a través de encontros en liña

0

Hoxe celebrouse a primeira das videoconferencias dun ciclo que afonda nas oportunidades para as exportacións galegas en China, México, Estados Unidos, Marrocos, Perú, Reino Unido, Israel e India


A Xunta organizou hoxe o primeiro dos encontros online do ciclo Webinars País, que achegará ao tecido empresarial galego oito videoconferencias co obxectivo de afondar nas oportunidades de negocio para as empresas de Galicia que ofrecen destinos mundiais tan relevantes como China, México, Estados Unido, Marrocos, Perú, Reino Unido, Israel e India.

Así, nos oito webinars organizados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, representantes de cada unha das oficinas empresariais do Igape situadas neses países informarán ás pemes participantes sobre os servizos gratuítos que poñen á disposición do tecido produtivo. Ademais, compañías galegas con implantación neses destinos achegarán as claves para impulsar ou mellorar as exportacións cara eles e ofrecerán unha análise das perspectivas que a nova situación económica mundial presenta.

Nese sentido, no encontro realizado esta mañá, centrado nas vendas galegas en China, representantes das compañías galegas Gabadi e Finsa expuxeron os retos e oportunidades que este mercado ofrece no novo contexto económico provocado pola covid-19. Na videoconferencia interviñeron tamén representantes de diferentes organizacións empresariais e institucións.

Mañá comezan tamén as actividades do programa formativo online gratuíto de apoio á internacionalización dixital que se dirixe a autónomos e pemes que están a abordar cambios nas súas estratexias de introdución e consolidación das vendas nos mercados exteriores. Mediante oito talleres de orientación práctica e titorías individuais con expertos, esta iniciativa facilitará aos participantes capacitación neste eido, un servizo personalizado de orientación e o acceso á rede de contactos profesionais do Igape en diferentes países.

A iniciativa enmárcase no Plan de dixitalización que o Goberno galego vén de activar –e co que se prevé a mobilización de 40 millóns de euros en Galicia– para facilitar a reactivación do tecido empresarial e a súa adaptación á actual situación que se deriva da covid-19.

O Plan inclúe o reforzo do programa Galicia Exporta Dixital, que disporá dun orzamento de 6 millóns de euros, incorporando como novidade destacada que os comercios polo miúdo poidan acollerse ás axudas. A través desta liña de axudas, comerciantes, autónomos e pemes poderán obter apoios para a realización de diagnósticos de potencial exportador; plans de internacionalización dixital multicanle; plans de mercados electrónicos concretos; a creación e adaptación de tendas e catálogos en liña para o márketing e vendas en mercados electrónicos obxectivo ou a adquisición de software específico, entre outros.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre