Inicio Galicia A Xunta súmase ás demandas dos produtores de planta ornamental e flor...

A Xunta súmase ás demandas dos produtores de planta ornamental e flor cortada e doutras comunidades para reclamar ao estado axudas directas ao sector

0

O Goberno galego insta ao ministro de Agricultura, Pesca y Alimentación a defender en Bruxelas unhas empresas que acumulan perdas superiores aos 440 millóns de euros por mor da crise da covid-19

A Xunta súmase ás demandas dos produtores de planta ornamental e flor cortada, así como doutras comunidades autónomas, para reclamar ao Estado axudas directas para este sector afectado pola emerxencia sanitaria. En concreto, o Goberno galego apoia a causa doutras comunidades autónomas, da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca) e das organizacións do sector, incluídas as de Galicia, que remitiron senllas cartas ao ministro de Agricultura, Pesca y Alimentación instándoo a aprobar achegas urxentes para paliar a crise derivada da covid-19.

A Xunta considera que o regulamento da Comisión Europea polo que se autorizaron medidas para a estabilización do sector das plantas vivas e flores cortadas quedou curto, malia recoñecerse o seu marcado carácter estacional, centrado na primavera. Así, sinala que o peche dos establecementos durante o confinamento impediu a venda para eventos ou o turismo, as adquisicións por parte de particulares para, por exemplo, acondicionar as súas segundas vivendas e tamén a venda para a plantación en parques e xardíns.

Nesa liña, o Goberno galego destaca que España foi o país da Unión Europea máis prexudicado, ao ser o único no que as tendas de flores e viveiros estiveron pechadas dous meses. Polo tanto, non se entende que este sector tan castigado pola pandemia -que acumula perdas superiores aos 440 millóns de euros- non goce de ningún réxime de axuda sectorial e teña tan pouco respaldo financeiro no regulamento de execución da Comisión Europea.

Así, ante a preocupación na materia, a Xunta reclama estas achegas en beneficio de pequenas e medianas empresas e explotacións e pon de relevo o esforzo do sector, que se concentra na produción e subministración para atender o groso das vendas en poucos meses. O investimento en medios e man de obra –engade- xa estaba moi avanzado cando a mediados de marzo a crise sanitaria puxo fin á campaña de comercialización, deixando en suspenso a multitude de operadores.

A maiores, o Goberno galego sinala que a demanda española e comunitaria se mantén á alza polo que se se perden operadores no país, será en beneficio doutros Estados membros, que están demostrando -apunta- un gran compromiso institucional cos seus produtores, como é o caso dos Países Baixos, de aí a importancia de implementar medidas directas que palíen a situación económica deste sector.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre