Inicio Galicia A Xunta subvenciona un proxecto de cultivo de mexillón en long lines...

A Xunta subvenciona un proxecto de cultivo de mexillón en long lines que permitirá poñer no mercado máis de 1.600 toneladas de produto en conserva ao ano

0

A Xunta destinou máis de 300.000 euros a subvencionar este proxecto no que a empresa Cerdeimar e as confrarías de Camariñas e Muxía investiron ata o momento un millón de euros e que permitirá crear 25 novos postos de traballo na súa primeira fase

A Consellería do Mar subvencionou un proxecto de cultivo de mexillón en long lines da empresa conserveira Industrias Cerdeimar e das confrarías de Camariñas e Muxía que permitirá poñer no mercado entre 1.600 e 1.800 toneladas de mexillón ao ano nunha primeira fase. Así o sinalou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, durante unha visita realizada á empresa esta mañá.

Neste sentido, a conselleira destacou a aposta de Cerdeimar e dos pósitos de Camariñas e Muxía pola creación de valor engadido a través da posta en marcha desta iniciativa subvencionada pola Xunta con máis de 300.000 euros. Así, explicou que ata o momento investiron un millón de euros na primeira fase do proxecto e prevén destinar ata seis millóns se a experiencia dá os resultados agardados. Tamén trasladou que cando o proxecto estea a pleno rendemento comercializará anualmente entre catro e cinco mil toneladas anuais de mexillón transformado.

Leer más:  La alcaldesa de Santiago solicitará la participación de Rueda en el plan estratégico para coordinar aeropuertos

Rosa Quintana explicou que a iniciativa ademais redundará na creación de emprego na zona. Así, na primeira fase crearanse cinco postos de traballo directos e 20 indirectos, debido a que a produción obtida será procesada e comercializada por Industrias Cerdeimar. Tamén hai que sinalar que se realizará a contratación de persoal cualificado, como por exemplo biólogos/as, para facer seguimento da experiencia.

A maiores, a conselleira reiterou a grande aposta que fai o seu departamento por vender mellor os produtos do mar de Galicia. Neste eido, Rosa Quintana reiterou a necesidade de apoiar ás empresas para que logren mellorar a súa comercialización e de avanzar na competitividade, por iso, lembrou que este ano a Xunta incrementou as partidas orzamentarias para transformación e comercialización dos produtos do mar nun 55%, chegando aos case 23 millóns de euros e tamén aumentou nun 37% as da procura de mercados novos para os produtos do mar galegos.

Ao fío disto, Rosa Quintana destacou que Industrias Cerdeimar exporta máis do 40% da súa produción a máis de 20 países en catro continentes. Neste senso, explicou que é unha empresa que aposta pola internacionalización, un campo, dixo, no que Galicia mellora as cifras ano a ano.

Leer más:  Galicia experimenta la mayor disminución de confianza empresarial en España durante el segundo trimestre

Finalmente a responsable de Mar visitou un espazo expositivo creado no interior da fábrica a modo de museo que amosa a vinculación da poboación camariñá co mar, mellora a oferta turística da zona e potencia a imaxe da conserva e dos produtos do mar da zona.

CerdeimarIndustrias Cerdeimar é o grupo conserveiro por excelencia da Costa da Morte, ten máis de 130 anos de historia. Está dedicado ao cultivo, depuración, transformación, produción e comercialización de peixe e marisco frescos, refrixerados e en conserva. Foi fundada pola familia Cerdeiras, vinculada ao mar como armadores de barcos pesqueiros e como industriais conserveiros. 


- Te recomendamos -