Inicio Galicia A Xunta subvenciona a 18 Anpas da provincia ourensá para programas de...

A Xunta subvenciona a 18 Anpas da provincia ourensá para programas de promoción da igualdade e loita contra a violencia de xénero

0

A delegada territorial en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, considera fundamental a implicación destas entidades para chegar ás familias e ao alumnado

A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a través da súa xefatura territorial na provincia de Ourense, publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución de axudas destinadas a financiar actividades de promoción da igualdade e de prevención e loita contra a violencia de xénero postas en marcha polas Asociacións de Nais e Pais ourensás (Anpas). En total, o Goberno galego reparte un total de 57.874 euros entre 18 Anpas da provincia, das que 7 pertencen a centros educativos da cidade. A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, destacou que “a Xunta considera fundamental a implicación das Anpas galegas para poder chegar ás familias e ao alumnado galego e dotalos das ferramentas necesarias para promover unhas relacións respetuosas e en igualdade que preveñan e axuden a erradicar todas as formas de violencia de xénero”.

Ao abeiro desta orde de axudas, vanse financiar programas e actividades de difusión dirixidas ao alumnado de centros educativos non universitarias, ás familias, ás Anpas e á comunidade educativa. Entre as actuacións subvencionables inclúense escolas de pais e nais que aborden temas de igualdade, de educación afectivo-sexual e sobre violencia de xénero; a elaboración de materiais informativos para nais e pais que lles axuden a detectar estes casos; a realización de accións de formación, sensibilización e difusión contra a cosificación do corpo das mulleres e contra a hipersexualización das nenas; a formación para pais e nais ou mozos e mozas sobre o uso adecuado e crítico das novas tecnoloxías, sobre todo no que se refire á protección da privacidade e os ciberdelitos; accións de formación coas familias e o alumnado sobre novas masculinidades ou micromachismos; e outras accións que sensibilicen sobre os estereotipos e que dean a coñecer as pautas para previr a violencia de xénero o os protocolos existentes en casos de agresións.

Estas axudas, financiadas no desenvolvemento do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, estaban dotadas nun principio cun total de 300.000 euros. Posteriormente decidiuse incrementar a partida inicial en 80.000 euros ata os 380.000 euros paras as anpas de toda Galicia. Con esta ampliación de crédito a Secretaría Xeral da Igualdade quixo lograr amparar ao maior número posible de solicitudes, tendo en conta que esta era a primeira convocatoria que se publicaba destinada a estas entidades e, tamén, debido á elevada demanda.

Cada solicitude pode recibir un máximo de 4.000 euros se é de carácter individual; ou de 7.000 euros, no caso das peticións conxuntas presentadas por dúas ou máis Anpas dun mesmo concello ou por unha federación ou confederación de Anpas.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre