Inicio Galicia A Xunta subliña que o novo texto do AGA, que inclúe a...

A Xunta subliña que o novo texto do AGA, que inclúe a solución de conflitos individuais e a mediación intraxudicial, sitúan a Galicia nunha posición de liderado

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu hoxe, en Santiago de Compostela, ao acto de sinatura do novo texto do Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solucións de conflitos de traballo (AGA)

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu esta tarde en Santiago de Compostela ao acto de sinatura do novo texto do Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solucións de conflitos de traballo (AGA), onde subliñou que a inclusión dos conflitos individuais e a mediación intraxudicial sitúan a Galicia nunha posición de liderado.

Firmado por primeira vez en 1992 polas organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia, o acordo foi o terceiro destas características a nivel estatal e, durante todo este tempo, tense convertido nun instrumento útil, como servizo de interese xeral e relevancia pública baseado nos principios de gratuidade, voluntariedade, imparcialidade e eficacia. En definitiva, unha alternativa á vía xudicial máis próxima e satisfactoria para as empresas e as persoas traballadoras. De feito, desde os seus inicios, máis do 80% dos expedientes tramitados ao amparo do AGA finalizaron con acordo entre as partes ou con laudo arbitral, presentando mellores resultados que calquera outro sistema autónomo do país.

Entre as novidades do novo texto destacan a inclusión de procedementos de solución de conflitos individuais -que xa se aplica nalgunha outra Comunidade- sendo o único que contempla a mediación intraxudicial, posibilitando chegar a acordos mesmo na fase de execución da sentenza e a igualdade e a non discriminación como especialidades obxecto da mediación.

Conde destacou que este novo texto reflicte a madurez do noso sistema de relacións laborais, cada vez máis innovador e flexible, e agradeceu o labor do Consello Galego de Relacións Laborais.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre