Inicio Galicia A Xunta subliña que a misión institucional a EE.UU teceu novos lazos...

A Xunta subliña que a misión institucional a EE.UU teceu novos lazos de colaboración no turismo, o naval e o contract

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, explicou hoxe no Parlamento que a viaxe a Nova York e Miami posicionou a Marca Galicia na primeira potencia económica do mundo

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, explicou hoxe no Parlamento galego que a misión empresarial e institucional que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, encabezou a semana pasada a Nova York e Miami permitiu tecer novos lazos de colaboración en sectores como o turismo, o naval e o contract. Conde salientou que un dos principais retos foi acompañar ao tecido empresarial galego no seu esforzo por incrementar as súas exportacións a terceiros países.

A viaxe, en palabras de Conde, posicionou a Marca Galicia na primeira potencia económica do mundo, ao tempo que apuntou que se abriron novos mercados e oportunidades para a Comunidade galega nos encontros empresariais promovidos pola Cámara de Comercio nas dúas cidades e nos que se presentou a Galicia como un territorio atractivo para o investimento. Así mesmo, na misión institucional avaliouse o inicio dunha axenda conxunta para promocionar o Xacabeo 2021 e se puxo en valor ao conxunto da emigración galega nos Estados Unidos e os valores que ten aportados a Galicia.

O titular de Economía detallou que se cumpriu toda a axenda prevista, que foi extensa e diversa, xa que houbo encontros empresariais, culturais, comerciais e vinculados coa emigración. Lembrou que o presidente tivo a ocasión de manter un encontro co alcalde do condado de Miami-Dade, Carlos A. Giménez, co que se abordou posibles vías de colaboración tendo en conta o posicionamento de Miami no tráfico de cruceiros e aeroportuario; e reuniuse tamén con responsables de The Ritz-Carlton para dar continuidade á presenza deste armador en Galicia e para tratar de posicionar a Galicia no ámbito da construción de cruceiros, xa que se trata dun sector cun crecemento acumulado do 50% nos últimos 10 anos. Conde apuntou, de feito, que o naval tivo un protagonismo especial na misión institucional.

Así mesmo, visitou o porto de Miami que aspira a alcanzar os 10 millóns de pasaxeiros para poñer en valor a Galicia como escala de referencia na costa atlántica, na porta de entrada de América a Europa. Conde tamén destacou a xuntanza con empresas do sector contract con posibilidades no eido residencial, hospitalario e turístico poñendo como exemplo a reunión mantida con Marriot que ten en carteira 100 proxectos en proceso de construción en Latinoamérica e 136 renovacións no horizonte do 2020.

Por último, o conselleiro puxo en valor os encontros coa colectividade galega recordando a visita á exposición do Consello da Cultura Galega Os adeuses -unha homenaxe á historia viva de Galicia- e a sinatura do convenio para celebrar en Nova York en 2020 un simposio internacional único sobre o Camiño de Santiago.

Para rematar, Conde destacou que o Goberno galego seguirá apoiando no plano institucional á economía e ás empresas galegas para que poidan conquistar novos mercados.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre