Inicio Galicia A Xunta subliña na Coruña a aposta pola economía social e a...

A Xunta subliña na Coruña a aposta pola economía social e a RSE para crear emprego de calidade e impulsar a cohesión territorial

0

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou nunha xornada sobre novos modelos de xestión empresarial centrados nas persoas

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, salientou hoxe na Coruña a aposta da Xunta pola economía social e a responsabilidade social empresarial (RSE) para crear emprego de calidade e impulsar a cohesión territorial, partindo dun modelo baseado na innovación e no capital humano.

Toca, que participou no Club Financeiro Atlántico nun encontro sobre modelos de xestión empresarial centrados nas persoas, trasladou o compromiso do Goberno galego neste eido con iniciativas como a Lei de Economía Social de Galicia ou a posta en marcha da primeira Estratexia de Economía Social que busca sumar capacidades, sustentabilidade e identidade para fomentar este modelo.

Entre outros obxectivos, esta iniciativa aposta por crear novas oportunidades de negocio en empresas que están enfocadas nas persoas e que contan cunha maior cohesión territorial e social. O obxectivo é incrementar as entidades, os empregos vinculados a elas e potenciar a presenza feminina neste eido.

Ademais, na súa intervención Covadonga Toca destacou a importancia de poñer a Responsabilidade Social Empresarial (RSE) no centro do modelo empresarial que se quere impulsar desde Galicia. Este mesmo ano aprobouse a Estratexia Galega da RSE con 30 medidas ata 2021 centradas nas empresas, na Administración e na sociedade. Preténdese incrementar o seu nivel de coñecemento e tamén de integración no tecido produtivo, á vez que se aumentan os plans de igualdade e a oferta de contratos públicos con cláusulas sociais.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre