Inicio Galicia A Xunta subliña en Santiago a contribución da feira Gastronosa á posta...

A Xunta subliña en Santiago a contribución da feira Gastronosa á posta en valor da cociña e os produtos galegos de calidade

0

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, e a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, participaron na apertura da xornada, que facilita a colaboración entre produtores e hostaleiros

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, e a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, participaron hoxe na apertura da primeira edición da feira gastronómica Gastronosa, organizada pola asociación Amigos da Cociña Galega (AMICOGAL) e que ten lugar durante o día de hoxe no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia en Santiago de Compostela.

Tal e como subliñou Vázquez Abeal, o encontro ten como obxectivo promocionar e poñer en valor a cociña e materias primas galegas, ademais de servir como encontro profesional que facilite a colaboración entre produtores e hostaleiros. Esta iniciativa, que conmemora este ano o 43 aniversario do colectivo Amigos de Galicia e conta co apoio da Xunta de Galicia, busca converterse na feira de produtos de referencia galega para profesionais da hostalería.

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, destacou pola súa banda a importancia do sector restaurador galego e do turismo gastronómico para a economía galega, nos que teñen un papel fundamental os produtos do mar. Por iso, lembrou as campañas que desenvolve a Consellería do Mar de fomento do consumo dos produtos pesqueiros e salientou a necesidade de continuar con esta liña de traballo para estender á cidadanía as bondades destes alimentos naturais e saudables.

A directora xeral de Pesca tamén agradeceu aos organizadores da feira Gastronosa o seu traballo para reunir en Galicia a profesionais nacionais e internacionais dos sectores da alimentación e gastronómico, produtores, influencers e gastrobloggers que poderán comprobar a calidade, entre outros, dos produtos do mar de Galicia. Neste sentido, Mercedes Rodríguez animou aos asistentes a desfrutar das experiencias gastronómicas elaboradas con produtos da marca galega pescadeRias e a apostar polos produtos pesqueiros, marisqueiros e acuícolas da comunidade dada a súa gran calidade.

O produtos galegos de calidade, protagonistas da xornadaDurante a xornada, que se desenvolve durante nove horas ininterrompidas de actividades gastronómicas, degustacións a cargo dos cociñeiros de AMICOGAL, espectáculos musicais e showcookings, tamén haberá espazos expositivos con presenza de preto de 30 expositores nos que os protagonistas serán os produtos galegos de calidade. Galicia Calidade está presente cun espazo que conta cos produtos certificados das empresas Confitería Cerviño e Nor-Ibérica de Bebidas.

No tocante ás actividades, Galicia Calidade organiza un showcooking con produtos certificados da man de Javier Outomuro, presidente de AMICOGAL e chef do restaurante A Taberna (Ourense), establecemento que conta co selo Galicia Calidade. A xornada tamén incluíu actividades organizadas por empresas certificadas pola marca de garantía galega, como Estrella Galicia, Sidra Maeloc, 1906, Torre de Núñez e viños de HGA Bodegas.

Outros produtos Galicia Calidade que tamén están presentes en Gastronosa son Estrella Galicia, HGA Bodegas, Vía Romana, Frigoríficos Rosa de los Vientos, Bodegas Ruchel e Terras da Mariña. A feira conta co patrocinio de Estrella Galicia e Augas de Cabreiroá, empresas certificadas pola marca de garantía de Galicia.

Así mesmo, tamén está presente a Federación de Prazas de Abastos de Galicia (Fepragal) presentando a súa plataforma de venda en liña plazasabastosgalicia.com. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre