Inicio Galicia A Xunta subliña a importancia da acción coordinada con outras administracións e...

A Xunta subliña a importancia da acción coordinada con outras administracións e as entidades sociais fronte á exclusión

0

Galicia rexistra mellores indicadores que a media española en canto ás taxas de pobreza e carencia material severa, reducíndose esta última do 4,1% ao 1,6% nos dous últimos anos

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, defendeu esta mañá a resposta da Xunta, en coordinación coas outras Administracións públicas e as entidades sociais, a situacións de risco de desigualdade ou de exclusión. Díxoo na súa comparecencia na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento de Galicia.

Arturo Parrado sinalou que tanto o informe Foessa de Cáritas como o publicado por EAPN España revelan que Galicia rexistra taxas de pobreza monetaria e de desigualdade inferiores á media española. Este último informe, elaborado sobre datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), conclúe que Galicia é unha das seis comunidades autónomas que conseguiu reducir a súa pobreza por debaixo da rexistrada no último ano anterior da crise: do 20,9% en 2008 ao 18,8% en 2018. Tamén se reduciu a pobreza severa do 7,1% ao 4,8% no último ano; así como a carencia material severa, que descendeu en máis dun 60% nos últimos dous anos ata situarse no 1,6%.

O director xeral destacou as melloras introducidas na Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga), coa ampliación da súa cobertura, o incremento das súas contías e co novo decreto que aumenta a eficacia desta prestación ao permitir, entre outras novidades, compaxinar ingresos do traballo coa percepción desta renda cando estes sexan inferiores ao seu importe. Tamén subliñou o Plan de atención ás persoas sen fogar, que dá prioridade ao acceso á vivenda e recolle máis dun centenar de medidas concretas neste ámbito e tamén no da saúde ou no laboral.

Ademais, indicou que a Xunta seguirá a potenciar os programas de inclusión que promoven os concellos e as entidades de iniciativa social; avanzará na implantación da Historia Social Única Electrónica, para axilizar os trámites das persoas usuarias de servizos sociais coa Administración pública; e renovarase a Axenda Social Única, co fin de afondar na colaboración entre a Xunta, os concellos e o terceiro sector.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre