Inicio Galicia A Xunta somete a información pública o proxecto de trazado dun novo...

A Xunta somete a información pública o proxecto de trazado dun novo treito de 8 quilómetros da vía de altas prestacións de Tui-A Guarda, entre Sobrada e Estás, no concello de Tomiño

0

A Administración autonómica abre un prazo desde mañá ata o 25 de marzo para que os interesados presenten as súas achegas, que serán analizadas co obxectivo de aprobar o trazado definitivo e o impacto ambiental a comezos de 2021


A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, informou hoxe do inicio do proceso de información pública do novo treito da vías de altas prestacións de Tui-A Guarda ao seu paso polo concello de Tomiño, entre Estás e a estrada autonómica PO-350 en Sobrada, e que hoxe se anuncia no Diario Oficial de Galicia a efectos expropiatorios e avaliación de impacto ambiental.

A conselleira explicou que se trata do treito intermedio da vía de altas prestacións, unha autovía de 8 quilómetros de novo trazado, para a que se prevé un investimento da Xunta de 72,8 M€, que se eleva aos 78,5 M€ coas expropiacións das preto de 1.000 fincas afectadas.

Vázquez Mourelle, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, presentou a actuación coa alcadesa, Sandra González, e precisou que desde mañá e ata o 25 de marzo os veciños e interesados poderán trasladar as súas achegas.

A partir de aí continuaranse os trámites de análise das propostas recibidas para a aprobación definitiva do trazado e impacto ambiental a principios do vindeiro ano.

Este treito da vía de altas prestacións de Tui-A Guarda, que unirá o núcleo de Estás coa estrada autonómica PO-350 á altura da Sobrada, terá características de autovía, con dobre carril en ambos os sentidos e cunha velocidade de proxecto de 100 km/ hora. Ethel Vázquez incidiu na utilidade que suporá esta intervención para os veciños de Tomiño, grazas á rede de enlaces deseñados ao longo dos seus algo máis de 8 km. A autovía disporá de 5 enlaces, o que ofrecerá unha gran conectividade coa rede local, suporá a construción de 7 novas rotondas, terá 5 viadutos dobres e 10 pasos, superiores e inferiores.

A titular do departamento da Xunta salientou que no deseño da autovía se inclúe, como elemento singular, un falso túnel de 260 metros de lonxitude para restituír os viarios existentes á mesma cota, e preservar a nivel paisaxístico a senlleira escola indiana Aurora del Porvenir.

A conselleira subliñou que esta actuación da Xunta permite avanzar no desenvolvemento por fases dunha infraestrutura estratéxica para a vertebración do Baixo Miño. Así referiuse á contratación do novo enlace coa A-55, que incorpora a conexión co polígono de Areas, licitada en xaneiro deste ano, cun investimento de 21,2 millóns de euros, para iniciar no verán. O prazo de recepción de ofertas das empresas, finaliza a próxima semana, o día 19.

Avanzou que este ano redactarase tamén o proxecto construtivo que dará continuidade a esas actuacións ata a PO-350, en Tomiño. Ademais, informou dos traballos que se desenvolven no treito Estás-Goián, a chamada recta de Figueiró, analizando as alegacións para acadar o mellor deseño do desdobramento que se vai facer da estrada PO-552.

Precisamente, tamén na PO-552, ao seu paso por Tomiño e Tui, o departamento que dirixe vai a realizar un investimento de máis de medio millón de euros para executar unha obra de mellora da seguridade viaria, enmarcada na estratexia de eliminación dos treitos de concentración de accidentes da Xunta. A intervención está agora mesmo en prazo de presentación de ofertas e están convocados para o mes de marzo os propietarios dos terreos para o levantamento de actas previas á ocupación, o que permitirá iniciar as obras no verán.

Remarcou que o departamento que dirixe está a desenvolver toda unha programación realista e viable, abordada cos alcaldes da zona e axentes implicados, para os 14 km de trazado que restan para completar este eixe de comunicación estratéxico para as comunicacións do Baixo Miño. O Goberno galego puxo en servizo en 2014 o treito entre Goián e A Guarda, cun investimento de 60 M€ nos momentos de maiores restricións económicas da Xunta, lembrou.

Unha vez completada a VAP Tui-A Guarda, apuntou, os tempos de percorrido acurtaranse a máis da metade entre Tui e Tomiño, pasando dos 19 minutos actuais a pouco máis de 9.

Vázquez Mourelle expuxo que esta planificación vai acompañada de importantes compromisos de gasto nos vindeiros anos, como recollen os Orzamentos da Xunta para 2020, cunha partida de máis de 3 M€ para a VAP do Baixo Miño no presente exercicio, e futuros por máis de 50 M€.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre