Inicio Galicia A Xunta somete a información pública o proxecto da senda peonil e...

A Xunta somete a información pública o proxecto da senda peonil e de reparación de beirarrúas na estrada autonómica PO-549 ao seu paso por Vilanova de Arousa

0

O trámite administrativo realízase a efectos expropiatorios e o prazo para presentar suxestións estará aberto ata o vindeiro 17 de agosto


A Xunta publica hoxe, no Diario Oficial de Galicia o anuncio polo que se somete a información pública, a efectos expropiatorios, o proxecto de construción da senda peonil e reparación de beirarrúas na PO-549, en Vilanova de Arousa, así como a relación de bens, dereitos e propiedades afectadas por esta actuación .

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade mantivo esta mañá un encontro de traballo co alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, no que lle deu conta do novo paso administrativo neste proxecto, co que se actúa nun treito da estrada PO-549 ao seu paso polo termo municipal de Vilanova, aínda que tamén abrangue un treito pertencente a Vilagarcía, polo que beneficiará directamente aos veciños de ambos os municipios.

Para levar a cabo a actuación son precisas expropiacións, afectando a un total de 21 propiedades, principalmente a peches de parcelas e, puntualmente, a algún elemento vexetal. As persoas que o desexen poderán presentar suxestións ata o vindeiro 17 de agosto. A partir de aí continuarse cos trámites administrativos necesarios para licitar as obras o vindeiro ano. Os traballos teñen un prazo de execución de 9 meses e suporán un custo estimado de 1 millón de eurosA intervención prevista busca regular e establecer o uso de diferentes espazos, reforzando a seguridade viaria e facilitando unha interacción harmónica e respectuosa entre peóns e vehículos, nun treito da estrada autonómica PO-549 cunha urbanización irregular, onde hai tramos con beirarrúas e outros sen elas; ou treitos nos que as beiravías son empregadas de xeito frecuente como aparcadoiros. A estrada rexistra bastante tráfico rodado, e tamén peonil, especialmente no verán, xa que ademais de comunicar Vilanova de Arousa con Vilagarcía e con Cambados, nas súas beiras concéntranse diferentes establecementos comerciais numerosas vivendas.

Para iso actuarase nunha lonxitude de 3,3 quilómetros, habilitando treitos de senda, cun ancho que variará entre os 1,5 e os 3 metros, en función da dispoñibilidade do terreo. En concreto, executaranse 1,6 quilómetros de sendas, non continuos. Ademais repararanse as beirarrúas existentes, actuando sobre treitos que suman preto de 1,7 quilómetros de beirarrúas.

Acometeranse outras actuacións complementarias centradas no reforzo da seguridade viaria como a reubicación e mellora da protección dalgúns pasos de peóns para facelos máis visibles; a reordenación dos aparcadoiros; ou a instalación de regulación semafórica.

Esta actuación vén completar as obras da senda peonil no treito entre Tarrío e Deiro e os traballos para eliminar un treito de concentración de accidentes nesta mesma estrada PO-549 que se están a ultimar.

Unha vez estean executados os traballos do proxecto da nova senda e de renovación de beirarrúas que hoxe se somete a información pública a efectos expropiatorios, xunto coa senda peonil no treito entre Tarrío e Deiro que está para rematar, por unha das marxes disporase dun itinerario continuo para desprazarase a pé de modo seguro entre Cambados, Vilanova e Vilagarcía de Arousa ao longo da PO-549, e tamén coa Illa de Arousa, o que suporá beneficiar a unha poboación de 70.000 persoas en inverno.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre