Inicio Galicia A Xunta somete a información pública o acondicionamento da estrada Valdoviño-Cedeira e...

A Xunta somete a información pública o acondicionamento da estrada Valdoviño-Cedeira e a 1ª fase de mellora da vía San Sadurniño-Ortigueira para licitar as obras no 1º trimestre de 2020

0

Ethel Vázquez indica que dende mañá ata o 28 de novembro os interesados poderán trasladar achegas respecto ás melloras propostas nestas dúas vías


A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou a publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia do sometemento a información pública do acondicionamento da estrada Valdoviño- Cedeira (AC-566) e do proxecto da 1ª fase de mellora da AC-862, entre a autovía AG-64 e Ponte Mera, co fin de licitar as obras no 1º trimestre de 2020.

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, indicou que dende mañá e ata o 28 de novembro os interesados poderán trasladar as súas achegas respecto aos trazados e melloras propostas nestas dúas estradas de titularidade autonómica.

Lembrou que estas actuacións, cun investimento de 12,6 millóns de euros, foron abordadas cos alcaldes desta bisbarra e xa están redactados os proxectos. Isto permite abrir xa o proceso de información pública, a efectos expropiatorios, prevéndose 193 fincas afectadas na AC-862 e 135 na AC-566, é dicir, un total 328 terreos.

Estas intervencións teñen como obxectivos favorecer a mobilidade dos veciños, reforzar a seguridade viaria e propiciar desprazamentos máis cómodos e tempos de percorrido máis reducidos entre os municipios de Valdoviño e Cedeira, San Sadurniño, Cerdido e Moeche.

No que se refire á estrada AC-566, o orzamento necesario para as obras ascende a uns 4,6 millóns de euros. A mellora iníciase unha vez superado o núcleo urbano de Valdoviño, nun treito de 4 km ata A Ramalleira. Para isto, ensancharase a estrada e reforzarase o firme, ao longo de algo máis de 2 km e con melloras ao longo dos outros case 2.

Tamén se prevé a rectificación de curvas, a mellora de interseccións ou cambios de sentido, e aumento de sección habilitando un carril adicional para favorecer os adiantamentos, en case a metade do treito no que se actúa.

En canto á 1ª fase de mellora AC-862, a estrada que vai a Ortigueira, o proxecto contempla un prazo de execución de 18 meses e un investimento de 8 millóns de euros, tendo en conta as expropiacións.

As intervencións programadas nos primeiros 17,5 km do treito entre a autovía Ferrol-Vilalba a Ponte Mera mellorarán a capacidade da estrada e incrementarán a seguridade, dando cumprimento ao acordado no encontro celebrado o pasado ano cos alcaldes da bisbarra.

O proxecto contempla a rectificación de curvas de radio reducido, o ancheado da estrada e a habilitación dun terceiro carril de adiantamento ao longo de 3,8 km, ademais da mellora do carril adicional actual en sentido Ferrol.

Estas accións contribuirán a desconxestionar o tráfico nesta estrada, onde é habitual o tránsito de vehículos pesados. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre