Inicio Galicia A Xunta somete a información pública as actuacións para favorecer unha contorna...

A Xunta somete a información pública as actuacións para favorecer unha contorna máis segura para veciños e escolares de Santo André de Xeve, en Pontevedra, cun investimento de 2 millóns

0
image_gallery.jpg

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe os anuncios polos que se someten a información pública os dous proxectos de mellora da seguridade viaria que se levarán a cabo nas estradas autonómicas PO-223 e PO-224


A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou a publicación, hoxe, da información pública de dúas actuacións que vai levar a cabo o Goberno galego para favorecer unha contorna máis segura para veciños e escolares da parroquia pontevedresa de Santo André de Xeve, que suporán un investimento autonómico de 2 millóns de euros.

Vázquez Mourelle, xunto coa delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, e a delegada da asociación Stop Accidentes en Galicia, Jeanne Picard, presentou en rolda de prensa as actuacións previstas na área do CEIP Santo André de Xeve.

O Diario Oficial de Galicia deste venres publica os anuncios polos que se someten a información pública os dous proxectos de mellora da seguridade viaria que se levarán a cabo nas estradas autonómicas PO-223 e PO-224, ao seu paso por esta parroquia pontevedresa.

Os interesados poderán achegar a súas suxestións desde o vindeiro luns, 5 de outubro, ata o 16 de novembro. As achegas recibidas serán analizadas para incorporar aquelas viables desde o punto de vista técnico.

En función desas achegas, en 2021 pecharanse os proxectos construtivos e iniciarase o procedemento expropiatorio para, a continuación, licitar as obras.

A responsable de Infraestruturas e Mobilidade explicou que na estrada PO-223 se acometerá unha senda pola marxe dereita da vía, que permita a circulación peonil e de ciclistas non deportivos. Esta actuación enmárcase no Plan de Sendas da comarca de Pontevedra e está cofinanciada con fondos FEDER.

O itinerario, de 2 km de lonxitude, configurará un percorrido continuo entre os núcleos do Couso e Sobral, atravesando o polígono industrial e o CEIP Santo André de Xeve.

Esta intervención completarase con modificacións puntuais do trazado da estrada para xerar espazo na súa marxe e poder encaixar a senda.

Tamén se mellorarán as paradas de autobús e atendendo á solicitude do colectivo ciclista Pedaladas, incorporarase un pequeno treito de senda na glorieta da intersección coa vía a Monteporreiro.

Ethel Vázquez explicou que estes traballos se farán de xeito coordinado co proxecto de mellora da seguridade da estrada PO-224, en Santo André de Xeve, precisamente na contorna da intersección onde se cruzan estas dúas estradas de titularidade da Xunta.

Esta intervención está recollida no convenio asinado en marzo entre a Xunta e Stop Accidentes, convenio que conta cunha achega autonómica de 95.000 euros para o fomento da cultura da seguridade viaria.

Neste caso, a actuación ten como base un proxecto piloto que tiña en marcha a asociación Stop Accidentes dirixido a facilitar desprazamentos máis seguros en contornas rurais.

Ethel Vázquez explicou que, partindo dese proxecto piloto e coa implicación da comunidade escolar, desenvolveranse actuacións para reforzar a seguridade viaria no contorno do centro.

Entre outras accións, citou a mellora da actual intersección en cruz entre as dúas estradas autonómicas, PO-223 e PO-224, con regulación con semáforos e unha glorieta que fomente a diminución da velocidade na zona.

Tamén se habilitará un itinerario peonil e ciclista de 400 metros que permita conectar o núcleo de Sobral co colexio Santo André de Xeve.

Ademais disporanse 47 prazas de estacionamento na zona e 4 reservadas para autobuses. Para isto, ampliarase o aparcadoiro actual e construirase un novo na marxe dereita da estrada PO-224.

Na zona frontal do CEIP, habilitarase un carril exprés, o coñecido como “kiss and ride” existente nos aeroportos, que estará deseñado para que os alumnos baixen do coche e poidan acceder ao centro de xeito seguro sen a compañía dos seus pais.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre