Inicio Galicia A Xunta solucionou xa o 97% das preto de 300 incidencias rexistradas...

A Xunta solucionou xa o 97% das preto de 300 incidencias rexistradas nas estradas de titularidade autonómica por mor dos temporais da semana pasada

0

Actualmente só permanecen con afección ao tráfico dúas estradas autonómicas da provincia de Lugo, que teñen cortado un carril e nas que cómpre actuar na estabilización de noiros

A Xunta de Galicia solucionou xa o 97% das preto de 300 incidencias rexistradas nas estradas de titularidade autonómica por mor dos temporais da semana pasada. Así o trasladou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, quen esta tarde supervisou os traballos de reposición das pantallas acústicas da Autovía Dozón-Ourense (AG-53) que se desprenderon polo vento. Segundo explicou, grazas ao traballo dos servizos de conservación e de vialidade invernal das estradas autonómicas, a practica totalidade das incidencias rexistradas nas vías xestionadas pola Xunta de Galicia foron xa solucionadas. Actualmente só permanecen con afección ao tráfico dúas estradas da provincia de Lugo, concretamente, a LU-621 ao seu paso por Láncara, e a LU-722, de acceso a Navia de Suarna. En ambos os dous casos está cortado ao tráfico un carril de circulación e será necesario actuar para a estabilización de noiros.

Do total de incidencias rexistradas na última semana nas estradas de titularidade autonómica, destacan as 214 producidas por caídas de árbores, as 23 bolsas de auga formadas nas estradas e os 18 deslizamentos de desmonte.

A provincia de Pontevedra, con 112 alertas, foi a que rexistrou un maior número de incidencias, estando todas elas xa reparadas. Na provincia de Lugo producíronse menos problemas, 51, pero foi onde que deron os de maior gravidade, por requirir afección ao tráfico.

A conselleira de Infraestruturas salientou a eficacia dos medios de conservación de estradas e de vialidade invernal, aos que a Xunta destina neste ano 27 millóns de euros.

Ademais, destacou o labor dos responsables dos sistemas de predición de risco de inundacións na Demarcación Galicia-Costa, así como dos traballadores da Gardería Fluvial de Augas de Galicia, que se encargan da conservación e limpeza do rios. A Xunta destina cada ano preto de 2 millóns de euros ao mantemento destes medios.

A conselleira destacou que eses sistemas permitiron alertar con anticipación do elevado risco detectado, especialmente, nas bacías dos rios Tambre, Lérez e Mero, e, xunto coa coordinación informativa, facilitaron o labor dos servizos de emerxencia e protección civil ante os episodios de meteoroloxía adversa.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre