Nos nove primeiros meses de 2019 pedíuselle información a 136 entidades locais
A Consellería de Facenda, en exercicio da súa competencia de tutela financeira, solicitou no terceiro trimestre de 2019 información a un total 16 de entidades locais. Entre xaneiro e setembro deste ano, o número de entidades locais ás que se lle pediu información ascende a 136.
En concreto, no terceiro trimestre, a Administración galega solicitou Plans Económico-Financeiros a dez entidades locais; e outras seis máis foron requiridas para adoptar acordos de non dispoñibilidade de crédito.
Ademais, foron cinco as entidades locais que contestaron no trimestre a solicitudes da Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, que tamén aprobou no período de referencia un plan económico-financeiro.
As solicitudes de información realizadas pola Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos nos primeiros nove meses deste ano, abordan materias como o período medio de pago a provedores, os plans económico-financeiros, os acordos de non dispoñibilidade de créditos ou as medidas a adoptar para o saneamento do remanente de tesourería negativo.
O exercicio das competencias en materia de tutela financeira dos entes locais por parte da Consellería de Facenda afecta tanto aos concellos e deputacións provinciais como ás mancomunidades e entidades locais menores.