Inicio Galicia A Xunta solicitará de inmediato a convocatoria da Comisión Mixta para abordar...

A Xunta solicitará de inmediato a convocatoria da Comisión Mixta para abordar co Goberno central os asuntos prioritarios para Galicia

0

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, compareceu hoxe no Parlamento para dar conta das 25 necesidades máis urxentes e prioritarias, incluídas na Axenda Galicia

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou hoxe que a Xunta solicitará de inmediato a convocatoria da Comisión Mixta para abordar co Goberno central os asuntos prioritarios para Galicia, na que se incluirán como temas urxentes a tratar o pago dos 370 millóns de euros que o Estado debe a Galicia e o traspaso da titularidade da AP-9.

Así o adiantou hoxe durante unha comparecencia no Parlamento galego, a petición propia, para dar conta das 25 necesidades máis urxentes que se deben abordar co Goberno central e que van incluídas na Axenda Galicia; e tamén para recordar as 16 competencias que a Xunta ten reclamado ata o de agora e que seguen pendentes.

A denominada como Axenda Galicia aprobouse no mes de outubro, co obxectivo de ser tratada a maior brevidade posible co goberno que saíse das urnas tras as eleccións de novembro. Os asuntos que se inclúen nesta listaxe tamén foron xa trasladados nas cartas que o Presidente da Xunta enviou a cada un dos novos ministros e ministras.

Os temas da Axenda Galicia distribúense en cinco bloques principais: un financiamento xusto, impulso ás infraestruturas pendentes, apoio aos sectores produtivos, mellora dos servizos públicos, e colaboración cultural.

No primeiro bloque, relativo ao financiamento, unha das prioridades é que o Estado ingrese os 370 millóns que debe a Galicia: 200 millóns correspondentes ao IVE e 170 millóns de compensacións ás comunidades cumpridoras cos obxectivos de sostibilidade financeira. Para tratar este asunto, é tamén fundamental a convocatoria do Consello de Política Fiscal e Financeira, que leva máis de 17 meses sen reunirse. Neste eixo de financiamento, tamén se inclúen outras necesidades como un novo modelo de financiamento autonómico ou unha Estratexia nacional fronte ao reto demográfico.

Dar un impulso ás infraestruturas pendentes é tamén un dos obxectivos da Xunta. Por iso, reclamarase de novo a transferencia da AP-9 como a mellor vía para prestar un servizo eficaz e de calidade en beneficio de todos os galegos e galegas. Mentres non se produce o traspaso, a Xunta xa ten trasladado ao Goberno central unha proposta para paliar o impacto das peaxes.

No ámbito das infraestruturas, a chegada do AVE a Galicia é unha das máximas prioridades, tendo en conta os anos de atraso e a súa importancia de cara ao Xacobeo 2021. De aí que a Xunta reclame claridade e certeza nos prazos.

O terceiro bloque, o apoio aos sectores produtivos, é chave para moitas familias galegas. Neste eido englóbanse demandas como o Estatuto para os consumidores electrointensivos que permita rebaixar os prezos da enerxía a estas industrias; unha transición ordenada no ámbito enerxético, que dea solución ás familias que dependen da central das Pontes; ou carga de traballo para Navantia.

A Xunta tamén fará fincapé nas súas negociacións co Goberno central en mellorar os servizos públicos en aspectos tan básicos como a sanidade, para tomar medidas ante a escaseza de profesionais en determinadas especialidades; ou na dependencia, para que a achega entre o Goberno autonómico e central sexa equitativa.

Por último, o quinto bloque abordará a colaboración cultural. O Xacobeo 2021 é un fito de gran relevancia, para o que se solicita tamén a colaboración do Goberno central; así como tamén se pedirá o seu apoio ás candidaturas a Patrimonio Mundial: Ribeira Sacra, Cíes-Illas Atlánticas e Ferrol da Ilustración.

TransferenciasXa para rematar, o vicepresidente da Xunta lembrou que estes asuntos urxentes súmanse a outros temas pendentes entre o Goberno autonómico e o central en materia de traspaso de competencias. Ao respecto, lembrou as 16 competencias que a Xunta ten formulado nos últimos anos e que están pendentes de resposta. Entre elas, atópanse o propio traspaso da AP-9, a ordenación do litoral e xestión do dominio público marítimo-terrestre ou a ordenación do sector pesqueiro.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre