Inicio Galicia A Xunta solicita á Delegación do Goberno colaboración no control das novas...

A Xunta solicita á Delegación do Goberno colaboración no control das novas medidas que se van aplicar nos centros comerciais

0

O Goberno galego remitiu unha carta coa petición de coordinar as actuacións das forzas e corpos de seguridade para facer cumprir as novas limitacións que se poñen en marcha a partir de mañá

A Xunta solicitou á Delegación de Goberno que as forzas e corpos de seguridade do Estado colaboren no control das novas medidas restritivas que se van aplicar desde as 00.00 horas do 7 de novembro nos centros comerciais.

O obxectivo é continuar afondando na colaboración que se vén mantendo á hora de controlar todas as medidas sanitarias que se establecen para o control da epidemia de covid-19, tales como peches perimetrais, aforos ou outras medidas de prevención específicas.

Segundo se recolle na carta que a Xunta vén de remitir á Delegación de Goberno, no decreto do 4 de novembro no que se publican as novas medidas, establécense novas restricións para os centros e parques comerciais. Así, o decreto recolle, entre outras limitacións, que non poderán superar o 50% da súa capacidade total; que non se permitirá a permanencia de clientes nas zonas comúns, agás para o tránsito, e que a capacidade en ditas zonas estará limitada ao 33%; e prohibe a utilización de zonas recreativas como zonas infantís, ludotecas ou áreas de descanso. Ademais, recórdase que nos centros e parques comerciais deberán manterse medidas como o a distancia de seguridade interpersoal, o ou uso de máscara.

Polo tanto, tendo en conta que estas medidas estarán vixentes a partir de mañá e que se prevé que poida haber afluencia nos centros comerciais, a Xunta efectuará un operativo específico de control nas sete cidades a través da Policía Autonómica. Por iso, solicita tamén a colaboración e apoio da Policía Nacional e da Garda Civil para levar a cabo estas actuacións de control.

Trátase de levar a cabo un operativo específico nestes establecementos, pero cómpre ter en conta que, como é habitual, as forzas e corpos de seguridade seguirán realizando tarefas de control e inspección relacionadas coas outras limitacións e restricións vixentes.

A Xunta e a Delegación de Goberno están colaborando de forma fluída na posta en marcha de operativos de control das restricións sanitarias relacionadas coa epidemia. De feito, cada semana véñense mantendo reunións no marco da Sala de Control de Operativos (Sacop), nas que participa a Xunta, a Policía Autonómica, a Policía Nacional, a Garda Civil e as policías locais dos concellos con máis restricións para abordar as prioridades e os criterios de aplicación das medidas restritivas que se van implementando.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre