Inicio Galicia A Xunta solicita á comisaria de Política Rexional o mantemento dos fondos...

A Xunta solicita á comisaria de Política Rexional o mantemento dos fondos para Galicia a partir de 2021

0

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na sesión plenaria do Comité Europeo das Rexións xunto á comisaria de Política Rexional, Corina Cretu, e o xefe europeo negociador do Brexit, Michel Barnier


A 132ª sesión plenaria do Comité Europeo das Rexións deu comezo cun debate sobre o futuro da Política de Cohesión no que participou a comisaria de Política Rexional, Corina Cretu. Neste escenario, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, interveu para solicitar que as rexións que descendan de categoría, como é o caso de Galicia, que pasa de rexión máis desenvolvida a rexión en transición, non reciban menos fondos no novo marco orzamentario que no actual período de financiamento 2014-2020. Actualmente Galicia recibe un tratamento preferente por saír por primeira vez do grupo de rexións menos desenvolvidas.

Gamallo expuxo que o mantemento dos criterios de reparto propostos pola Comisión Europea sen ter en consideración esta situación específica, sería contrario á esencia da Política de Cohesión; deixando de proporcionar máis fondos ás rexións menos desenvolvidas. Xunto a Galicia veríanse afectadas por esta particular situación outras oito rexións europeas. O representante galego insistiu en que corrixir esta inxustiza so suporía un 0,01 por cento do orzamento total dedicado á Política de Cohesión.

Leer más:  El gobierno de Ferrol presenta un presupuesto récord para el año 2024, superando los 92 millones de euros

Outro petición que Gamallo trasladou á comisaria foi a inclusión de variables demográficas no método de reparto de fondos. O envellecemento da poboación é unha problemática que non fai máis que agudizarse no conxunto da Unión Europea e Galicia, que conta con case un cuarto da súa poboación por encima da idade de xubilación, serve como exemplo. Neste sentido, Gamallo reiterou a necesidade de que os fondos europeos axuden ás rexións a reverter esta tendencia, que agrava as diferencias entre as rexións e pon en perigo a sustentabilidade dos sistemas socioeconómicos. “Non queremos unha Europa a dúas velocidades: a das grandes cidades que é cada vez máis dinámica e competitiva, e a das zonas máis afastadas que envellecen, perden poboación e, en definitiva, dinamismo en todos os sentidos”, manifestou.

Así mesmo, demandou o mantemento do orzamento destinado á cooperación transfronteiriza, tan importante para manter as relacións e proxectos de Galicia co Norte de Portugal que tan bos resultados están a dar.

Co obxectivo de manter o número actual de fondos no novo período de programación, 2021-2027, Galicia está a traballar en diferentes frontes. Así, ademais de presentar esta reclamación no Comité Europeo das Rexións, ante o representante permanente de España na UE e ante a propia comisaria, tamén se está a traballar para que o Parlamento Europeo recolla esta petición no seu informe sobre a Política de Cohesión.

Leer más:  El BNG presentará propuestas en el Congreso y el Senado para conocer la postura del Gobierno sobre la instalación de Altri

Regulamento de Disposicións Comúns e Política Agraria ComúnFinalizado o debate sobre o futuro da Política de Cohesión, os líderes locais e rexionais pasaron a debater e aprobar os 19 ditames preparados para a última sesión plenaria do ano, nos que avalían as propostas lexislativas da Comisión Europea para o período 2021-2027. A primeira discusión que tivo lugar foi a relativa ao Regulamento de Disposicións Comúns, no que se establecen as normas que rexen os principais fondos da UE. O ditame aprobado argumenta que a política de cohesión debe ser más sinxela e máis flexible para os beneficiarios e xestores de fondos.

De especial importancia foi tamén o debate sobre a futura Política Agraria Común que se estendeu máis de dúas horas para analizar as 304 emendas recibidas. O texto aprobado resalta a importancia de que esta política manteña un presuposto forte que fortaleza as rexións rurais de Europa.

Debate sobre o Brexit con Michel BarnierO outro invitado especial desta sesión plenaria foi o xefe europeo negociador do Brexit, Michel Barnier. Xunto a el os líderes locais e rexionais analizaron os dous escenarios que se presentan no proceso de retirada do Reino Unido da UE así coma as súas implicacións para os entes rexionais.

Por unha parte, se o acordo de retirada se ratifica antes do 30 de marzo de 2019, o Dereito da UE deixará de aplicarse ao e no Reino Unido despois dun período transitorio de 21 meses, o 1 de xaneiro de 2021. Por outra parte, a falta de aprobación do acordo de retirada, ou a súa ratificación tardía por algunha das partes, implicaría a desaparición do período transitorio, polo que o Dereito da UE deixará de aplicarse ao e no Reino Unido o 30 de marzo de 2019.

Leer más:  Tres menores resultaron heridos en una colisión por alcance que involucró a cuatro coches en Ribadumia (Pontevedra)

Así, con relación á pesca, de especial interese para Galicia, Barnier manifestou o compromiso acadado pola UE e Reino Unido de chegar a un acordo antes do 1 de xullo de 2020 onde se establezan as condicións de acceso ás augas e aos mercados para que poidan establecers as oportunidades de pesca en 2021. Neste sentido, Galicia reclama un acceso recíproco as augas e aos mercados unha vez que Reino Unido estea fóra da UE.

O Comité Europeo das RexiónsO Comité das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE. A Fundación Galicia Europa presta apoio á participación galega nesta asemblea.


- Te recomendamos -