Inicio Galicia A Xunta solicita a 2.882 familias pontevedresas o seu visto e prace...

A Xunta solicita a 2.882 familias pontevedresas o seu visto e prace para recibir a bolsa de comedor durante a suspensión das escolas infantís

0

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou que no caso da comarca de Pontevedra, Marín e Bueu, estas axudas beneficiarán a 630 familias

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou esta mañá que a Consellería de Política Social solicitou a 2.882 familias da provincia de Pontevedra o seu visto e prace para recibir a bolsa de comedor durante a suspensión da actividade desde o 16 de marzo nas escolas infantís por mor da crise sanitaria da covid-19.

Segundo apuntou Cores Tourís, no caso da comarca de Pontevedra, Marín e Bueu, beneficiaranse 630familias. Na área territorial da Delegación de Pontevedra, en total, a Xunta solicitou este viste e prace a un total de 1.138 familias (comarcas do Deza, Salnés, Pontevedra, Morrazo, Baixo Miño e Condado-Paradanta).

A comunicación coas familias fíxoose mediante un correo electrónico no que se lles require como único trámite para percibila estar ao corrente das súa obrigas tributarias e sociais e unha autorización para consultar os datos bancarios.

Son beneficiarias desta bonificación as familias usuarias do servizo de comedor nas escolas infantís de 0-3 anos de titularidade autonómica, nunha praza concertada en escolas infantís privadas ou aquelas que perciben unha axuda de comedor a través do Bono Concilia. A contía concedida é unha compensación pola bonificación que tiñan concedida polo custo diario do menú nos días lectivos que estivo suspendida a actividade nestes centros.

Esta axuda permitirá ás familias vulnerables que xa viñan desfrutando dunha bonificación no custo de comedor, e da que se ven privadas a raíz da situación de emerxencia sanitaria, manter a correcta alimentación do seu fillo ou filla e evitar que este gasto de alimentación engadido afecte aínda máis a súa situación.

As familias que se beneficiaron dunha bonificación de comedor por ter unha renda mensual inferior aos 403 euros percibirán unha axuda de 2,5 euros ao día. Pola súa banda, as familias que contan con esta bonificación por dispor dunha renda mensual de entre 403 e 672 euros percibirán unha bolsa de 1,5 euros ao día.

O primeiro pagamento será o correspondente aos días lectivos transcorridos ata ese momento. Pode haber pagamentos sucesivos en función dos días que se suspendan en eventuais prórrogas.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre