Inicio Galicia A Xunta sinaliza o Camiño de Santiago en Cracovia coa instalación dunha...

A Xunta sinaliza o Camiño de Santiago en Cracovia coa instalación dunha mouteira fronte a 'Ventá do Papa' Xoán Paulo II

0

O conselleiro de Cultura e Turismo destacou o apoio do Pontífice polaco ao feito xacobeo e lembrou que visitou Santiago en dúas ocasións, en 1982 e 1989

A Xunta sinalizou hoxe o Camiño de Santiago en Polonia coa instalación dunha mouteira a 4.184 quilómetros de Santiago de Compostela fronte á chamada ventá do Papa Xoán Paulo II no Pazo Bispal de Cracovia. O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, no marco da súa viaxe institucional a este país, presidiu o acto de colocación do fito canda o alcalde de Cracovia, Jacek Majchrowski, o embaixador de España neste país, Francisco Javier Sanabria e o obispo de Cracovia, Damian Muskus.

O titular de Cultura e Turismo, que estivo acompañado da comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira, destacou o apoio do Pontífice polaco ao feito xacobeo e lembrou que visitou Santiago de Compostela en dúas ocasións, a primeira en 1982, cando realizou o Camiño, e a segunda en 1989 durante a Xornada Mundial da Xuventude, da que se fan 30 anos. “A colocación deste símbolo neste emprazamento representa todo o que nos une e simboliza a irmandade entre Galicia e Polonia”, engadiu.

Na súa intervención, Román Rodríguez subliñou a importancia dos valores do Camiño como “substrato da identidade europea” e puxo en valor o crecente interese que suscita neste país, ao achegar máis de 20.000 peregrinos no último lustro e preto de 5.000 no que vai de ano. Engadiu que se trata dun dos 15 países que achega un maior número de peregrinos, un dato especialmente relevante –puntualizou– tendo en conta que no que neste 2019 chegaron persoas de máis de 180 nacionalidades distintas.

A mouteira instalada hoxe en Cracovia é a quinta situada polo Goberno galego logo das ubicadas en Glasgow, Bruxelas, Lorient e Río de Janeiro nos últimos meses co fin de favorecer a internacionalización do Camiño de Santiago. Neste sentido, o responsable de Cultura e Turismo destacou que a instalación deste símbolo servirá para lembrar que tanto Galicia como Polonia “compartimos un mesmo destino e temos un camiño común”.

Precisamente, a proxección da Ruta Xacobea no exterior e o fortalecemento dos vencellos con Europa son un dos eixos de actuación recollidos no Plan Estratéxico do Xacobeo 21, que inclúe entre os seus obxectivos destacar a importancia das peregrinacións a Santiago na vertebración do Vello Continente.

Recepción oficial e encontro sobre o CamiñoDurante a súa viaxe institucional, Román Rodríguez participou nunha recepción oficial co alcalde de Cracovia á que tamén asistiu o embaixador de España en Polonia, o director do Instituto Cervantes en Cracovia, Fernando Martínez-Vara de Rei; a conselleira de Turismo da Embaixada de España en Polonia, María Isabel Martín; e o cónsul honorario de Polonia en Galicia e presidente Anfaco, Juan M. Vieites.

Durante a tarde, o conselleiro de Cultura e Turismo asistirá a un encontro sobre o Camiño de Santiago no Instituto Cervantes de Cracovia onde percorrerá a exposición O Camiño de Santiago. Unha experiencia contemporánea de peregrinación. Trátase dunha mostra formada por preto dunha vintena de imaxes elaboradas polo fotógrafo monfortino Manuel Valcárcel que recollen algúns dos valores da peregrinación a Santiago, como son a presenza da natureza, o patrimonio artístico, as cidades e as paisaxes das rutas xacobeas, pero tamén a convivencia, o encontro, o esforzo ou a mestura de culturas.

A mostra, de carácter itinerante, expúxose previamente en cidades como Boston, Chicago, Carolina del Norte, Lorient, ou Mar de Plata. Ao remate da mesma terá lugar unha degustación de produtos galegos cedidos por Galicia Calidade e por Anfaco-Cecopesca coa colaboración da Consellería do Mar.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre