Inicio Galicia A Xunta sinala que poderán desprazarse ata dúas persoas ás leiras de...

A Xunta sinala que poderán desprazarse ata dúas persoas ás leiras de autoconsumo dependendo do tipo de cultivo ou traballo a realizar

0

Co fin de coordinar as normas relativas aos desprazamentos de agricultores non profesionais, a Xunta modifica a orde publicada o 24 de marzo para facilitar estas actividades


O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha orde da Consellería do Medio Rural para coordinar as cuestións relativas aos desprazamentos de agricultores non profesionais de acordo coa norma do 30 de abril do Ministerio de Sanidad. Neste senso, as persoas que teñan producións de autoconsumo poderán desprazarse dentro do mesmo termo municipal no que teñan o seu domicilio, ou noutro adxacente ao mesmo, conforme ao establecido na orde ministerial e poderán ser ata dúas persoas se así se precisa polo tipo de cultivos e traballos a realizar.

Ademais, tal e como establece a orde ministerial, o desenvolvemento de ditos traballos realizarase de forma individual, salvo que se acompañe a persoas con discapacidade, menores, maiores ou por outra causa xustificada. Porén, será sempre por un tempo indispensable e debendo en todo momento respectar as distancias de seguridade e demais protocolos de prevención establecidos pola autoridade sanitaria.

Tendo en conta o tipo de producións que se levan a cabo na nosa comunidade, a Xunta sinala que segundo o tipo de cultivo ou traballos a realizar ás leiras poderanse desprazar ata dúas persoas. En todo caso, tamén será polo tempo mínimo e imprescindible, e respectando as distancias de seguridade e demais protocolos de prevención establecidos pola autoridade sanitaria. Ademais, deberá especificarse na declaración responsable, sinalando o concreto tipo de traballos ou cultivos, ou no seu caso a causa xustificada de que se trate.

O tempo transcorrido dende a primeira declaración do estado de alarma, e a propia evolución da emerxencia sanitaria coa implementación das medidas adoptadas durante as últimas semanas, permiten volver modificar algunha das medidas contempladas na orde publicada o pasado 24 de marzo, e singularmente aquelas cuxa incidencia non redunde nunha alteración substancial da motivación última da propia orde.

Así mesmo, no relativo á acreditación da necesidade de desprazamento, a Xunta indica que nas actividades agrarias consideradas de autoconsumo se deberá levar consigo unha declaración responsable. En dito documento deberán incluír as fincas nas que se levan a cabo os cultivos ou os coidados das viñas, incluíndo a identificación da parcela, así como o tipo de cultivos que realiza. Neste senso, a Administración poderá realizar as oportunas comprobacións, controis e inspeccións para verificar o contido da declaración responsable.

Doutra banda, cabe sinalar que non hai cambios con respecto á actividade que desenvolven os agricultores e viticultores profesionais e os seus traballadores. Polo tanto, poderán seguir efectuando os desprazamentos para a realización dos traballos necesarios de atención e mantemento dos cultivos e os viñedos. Ademais, poderán acreditar a súa condición de profesionais coa súa inscrición no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga)Para os efectos desta disposición, terá a consideración de agricultor/a profesional, ben sexa a tempo completo ou parcial, quen estea de alta no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga). Para a acreditación do carácter de agricultor/a, que xustifique a realización deses desprazamentos, é suficiente coa inscrición da explotación no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga). Nese sentido, os axentes da autoridade poderán dirixirse ao dito Rexistro para efectuar calquera comprobación que estimen oportuna. No caso das persoas viticultoras profesionais, poderán acreditalo tamén co carné de aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios ou coa tarxeta de rexistrado dispensada polo Consello Regulador da Denominación de orixe cando se dan de alta nos rexistros.

Enlace á orde no DOG:https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200505/AnuncioG0426-040520-0003_gl.html 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre