Inicio Galicia A Xunta sinala que o rocódromo de Expolugo é xa unha instalación...

A Xunta sinala que o rocódromo de Expolugo é xa unha instalación de referencia a nivel estatal para a práctica da escalada

0

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, visitaron hoxe as instalacións, que contaron cun apoio da Xunta de preto de 170.000 euros

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, e o director xeral para o Deporte, José Ramón Lete, visitaron hoxe o novo rocódromo instalado no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, unha infraestrutura que contou cun apoio da Xunta de preto de 170.000 euros, e que, tal e como se sinalou na visita, é xa unha instalación de referencia a nivel estatal para a práctica da escalada indoor.

Cun investimento total de máis de 372.000 euros, a instalación conta coa colaboración de diferentes administracións. Así, a Xunta, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Secretaría Xeral para o Deporte achegan un 45%, mentres que a Deputación de Lugo asume un 35% e o Concello o restante 20%.

A infraestrutura, ademais de potenciar a multifuncionalidade de Expolugo, permite incrementar a oferta dos equipamentos deportivos da cidade, beneficiando tanto a actividade federada como o deporte base, e contribuíndo tamén á promoción de prácticas saudables entre a sociedade. As federacións galegas de Montañismo e Espeleoloxía suman preto de 5.500 licenzas, e a escalada será deporte olímpico en Toquio 2020, polo que se prevé un crecemento dos practicantes deste deporte nos próximos anos.

O rocódromo de Lugo conta con 1300 m2 escalables distribuídos en catro sectores: bulder, velocidade, iniciación e dificultade. O muro de bulder é de 18 metros de ancho por 4,3 de alto, que permite todo tipo de adestramentos e traballo con grupos numerosos. O muro de velocidade é de 6×15 metros, sendo o único muro homologado en España para esta disciplina. Ademais, o muro de iniciación é de 12×12,5 metros, con diedros, placas e formacións que simulan a escalada en roca. O de dificultade é de 18×15 metros con dúas proas que alcanzan desplomes de ata 12 metros que reproducen as vías máis difíciles.

A instalación cumpre os requisitos do Comité Olímpico Internacional (COI) para a celebración de probas internacionais en formato olímpico, o que sitúa a Lugo como epicentro das competicións de escalada indoor de España. Ademais, posúe unha plataforma situada a 15 metros de altura para a práctica de técnicas de montañismo como o rápel e a progresión con cordas fixas.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre