Inicio Galicia A Xunta sinala que as lanzadeiras fomentan o espírito emprendedor e impulsan...

A Xunta sinala que as lanzadeiras fomentan o espírito emprendedor e impulsan o talento das persoas sen emprego

0

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe nun encontro cos alumnos e alumnas que están a recibir formación nos programas que se están a desenvolver co apoio da Xunta na Coruña, Ferrol, Lugo e Santiago


A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe na cidade compostelá nun encontro cos alumnos e alumnas das Lanzadeiras de Emprego que se están a celebrar, co apoio da Xunta, na Coruña, Ferrol, Lugo e Santiago. Na súa intervención puxo en valor este programa que impulsa a Fundación Santa María la Real e a Fundación Telefónica co obxectivo de favorecer o acceso ao mercado de traballo das persoas sen emprego. Toca, de feito, destacou que esta iniciativa fomenta o espírito emprendedor e impulsa o talento dos seus participantes.

A secretaria xeral salientou os bos resultados das lanzadeiras que de media acadan a inserción laboral do 60% do alumnado. Ata o de agora realizáronse tres edicións desta actuación, en total 15 lanzadeiras en diferentes cidades galegas coa participación de máis de 400 persoas. Na actualidade, e, co apoio autonómico, tamén se está a desenvolver o programa en Pontevedra, ademais de en Ferrol, Lugo, Santiago e A Coruña.

Os asistentes ao programa reciben unha formación de calidade adaptada ás necesidades do tecido empresarial capacitándoos para afrontar unha entrevista de traballo, presentar un currículum que destaque os seus puntos fortes e para orientar a busca de emprego cara o seu perfil. Neste senso, a responsable de Emprego da Xunta sinalou a importancia da cualificación, “un aval” para acceder ao mercado de traballo e “clave para conseguir un tecido empresarial máis competitivo”.

No encontro celebrado hoxe varios dos alumnos participantes expuxeron o seus casos de éxito, ao encontrar un emprego ao remate do programa. Así, Toca incidiu na importancia da formación lembrando a aposta do Goberno galego por unha cualificación flexible e dual axustada ás necesidades das empresas e adaptada á transformación dixital. “Canto máis e mellor formado estea o persoal das empresas máis produtivas serán”, subliñou.

Para rematar, Toca puxo en valor a importancia da cooperación público-privada para conseguir o máximo proveito das políticas de emprego co fin de mellorar a inserción laboral dos desempregados. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre