Inicio Galicia A Xunta sinala que a reforma da Praza de Abastos de Noia...

A Xunta sinala que a reforma da Praza de Abastos de Noia permitirá consolidala como motor do comercio local

0

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, visitou hoxe o mercado noiés, para cuxa remodelación a Consellería de Economía, Emprego e Industria e o Concello asinaron un convenio por máis dun millón de euros

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, salientou hoxe durante a súa visita á praza de abastos de Noia que a reforma deste inmoble, na que Xunta e Concello van investir máis dun millón de euros, permitirá consolidar o mercado noiés como motor do comercio local da vila, e parte do seu atractivo turístico.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria vai impulsar con máis de 500.000 euros a reforma integral do edificio, mediante un convenio de colaboración que vén de ser asinado co Concello noiés para financiar o 50% das actuacións.

A rehabilitación dotará o inmoble dunha imaxe moderna mantendo a súa morfoloxía e permitirá reordenar o espazo comercial. Na planta baixa está previsto levar a cabo unha reconstrución dos postos centrais respectando os seus límites actuais, mentres que os postos perimetrais se conservan integralmente e serán revestidos polo seu exterior con novos acabados para unificar a imaxe dos mesmos e do conxunto da praza.

Na primeira planta ampliarase a superficie comercial, e proponse a reubicación dos postos en torno ao vacío central que vertebra o mercado e sobre a medianeira este, recuperando deste xeito a presenza das tres fachadas do edificio e a iluminación natural, así como a relación da espazo comercial coa vila. Ademais, esta planta reorganízase nun espazo máis diáfano capaz de albergar diferentes actividades.

O proxecto complétase con outras actuacións puntuais como a ampliación dos aseos dispoñibles e a mellora da accesibilidade, dotando o edificio dun ascensor, a incorporación de luz natural sobre a nave colindante coa medianeira, a través da cuberta, e a incorporación dos servizos de consigna e almacéns.

Con esta actuación séguese reforzando a liña de colaboración entre a Consellería de Economía, Emprego e Industria e os concellos para a potenciación dos mercados municipais e prazas de abastos, para acadar un modelo de calidade baseado na accesibilidade, a sustentabilidade ambiental, a organización e a xestión de servizos.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre