Inicio Galicia A Xunta sinala que a innovación na alimentación e na saúde contribúe...

A Xunta sinala que a innovación na alimentación e na saúde contribúe a mellorar a calidade de vida e a incrementar a competitividade empresarial

0

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, visitou hoxe a empresa Mercantia Desarrollos Alimentarios, emprazada en Silleda, que está a desenvolver unha nova gama de produtos no marco do seu plan de innovación

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, visitou esta mañá a empresa Mercantia de Silleda, que está a desenvolver un plan de innovación co apoio do programa InnovaPeme 2019.

No transcurso da visita, a directora de Gain destacou a importancia de asociar alimentación e saúde, uns ámbitos nos que está a traballar a compañía, e que encaixan coas prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia 2014-2020 (RIS3), que establece como un dos tres retos estratéxicos das políticas de I+D+i en Galicia o envellecemento activo baseado nun modelo de vida saudable e, máis en concreto, a prioridade alimentación saudable e segura a través, de entre outras vías, do desenvolvemento de alimentos funcionais que melloren a calidade de vida da xente.

A empresa alimentaria, en concreto, está a desenvolver un viño sen alcol, a partir de subprodutos de vinificación e aditivos alimentarios. Ademais, a firma está centrada na produción de bebidas personalizadas a partir da análise xenética de cada cliente, entrando no sector da nutrixenética. A partir dunha análise de saliva, a empresa elabora bebidas personalizadas e adaptadas ao metabolismo de cada consumidor. Tamén no sector da saúde, Mercantia está traballando nun asesor virtual, Healthbot, sobre temas de saúde e alimentación. Trátase dun programa de conversación virtual que serve de guía e conselleiro a través do whatsapp, dirixido a calquera persoa que estea preocupada pola saúde, que queira previr unha deterioración cognitiva ou a persoas diagnosticadas xa de alzhéimer.

Argerey destacou que estratexias como a de Mercantia contribúen á modernización de sectores estratéxicos para Galicia como o da alimentación, ao tempo que sinalou a importancia da innovación colaborativa, como a establecida entre a empresa e outros axentes do Sistema galego de innovación: os centros tecnolóxicos ANFACO e ITG, a Aula de produtos lácteos da Universidade de Santiago de Compostela ou a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia da Xunta de Galicia.

Por último, a directora puxo en valor que a empresa estea a crear o seu propio departamento de I+D+i, que lle permitirá dispor dun servizo de vixilancia tecnolóxica, crear novos proxectos no ámbito biotecnolóxico e establecer consorcios de empresas de ámbito nacional arredor dos seus proxectos de innovación, en liña co obxectivo principal do programa InnovaPeme, que persegue introducir ás pequenas e medianas empresas nos procesos de innovación para mellorar a súa competitividade.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre