Inicio Galicia A Xunta sinala o termalismo como elemento clave na desestacionalización e diversificación...

A Xunta sinala o termalismo como elemento clave na desestacionalización e diversificación do turismo galego

0
image_gallery.jpg

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, interviu hoxe no ‘I Congreso Internacional sobre Auga e Saúde’, onde destacou o traballo dos centros termais galegos para activar protocolos de prevención fronte á covid-19


O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe na inauguración do I Congreso Internacional sobre Auga e Saúde, a capacidade do termalismo para desestacionalizar e diversificar a oferta do turismo galego, ao mesmo tempo que contribúe a promover a dinamización da actividade turística e económica das zonas do interior.

Alfonso Rueda sinalou, durante a súa intervención, que o turismo termal implantou os protocolos de prevención necesarios para ofrecer seguridade aos visitantes ante a covid-19. Nesta liña, resaltou que o termalismo axuda a promover Galicia como destino de calidade e seguro.

Das actuacións da Xunta para apoiar ao sector, o vicepresidente primeiro da Xunta destacou a posta en marcha de iniciativas pioneiras en España como a Lei de aproveitamento lúdico de augas termais, que permitiu regular o réxime de uso de augas termais e dar seguridade xurídica aos proxectos turísticos termais que non poden ser considerados balnearios e que non dispoñían dunha regulación específica nin actualizada.

Indicou tamén a aposta do Goberno galego por fomentar o turismo termal a través tanto da formación, co impulso da Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago, como da innovación, ao facilitar un proceso de documentación dos balnearios galegos co proxecto Termagal. Tamén fixo referencia ás melloras nas infraestruturas dos balnearios galegos e ao apoio ás vilas termais e á súa sinalización turística.

O Goberno galego inclúe no seu Plan de Reactivación, dotado con 58 millóns de euros, o programa Galicia Destino Seguro para promover a comunidade como destino de calidade, ademais iniciativas destinadas a xerar liquidez e emprego no sector como o programa Elixe Galicia, dirixido a incentivar o consumo a través do fomento do turismo interior.

Neste congreso internacional participan arredor de 50 expertos de distintos países que debaterán sobre as solucións coas que combater os efectos económicos da pandemia no turismo termal. O evento está organizado por Termatalia, que este ano viuse obrigada debido ao coronavirus a cancelar a súa Feira Internacional de Turismo Termal e Benestar, que conta co apoio da Xunta, e no seu lugar celebra este foro internacional onde reunirá á comunidade termal.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre