Inicio Galicia A Xunta sinala en Santiago o fomento da utilización da madeira no...

A Xunta sinala en Santiago o fomento da utilización da madeira no deseño e na construción como clave para impulsar a bioeconomía

0

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, participou hoxe na inauguración das X Xornadas de Arquitectura e Deseño organizadas polo Clúster da Madeira


O director da Axencia Galega de Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, sinalou hoxe en Santiago de Compostela, na inauguración das X Xornadas de Arquitectura e Deseño organizadas polo Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia, o fomento da madeira no deseño e na construción como clave para impulsar a competitividade do sector e a bioeconomía, no marco da Axenda da Industria Forestal que a Xunta vén de poñer en marcha.

Sinalou que se está a traballar desde diferentes ámbitos de actuación, e así, por un lado, apuntou diferentes actuacións para impulsar o uso da madeira en edificios públicos, como no caso das fiestras na remodelación do edificio administrativo de San Caetano, na Escola da Galiña Azul da Baiuca (na Estrada), ou do centro de saúde da Laracha.

Por outra banda, sinalou que a Xunta está a fomentar o coñecemento neste eido a través do convenio coa Plataforma de Enxeñería da Madeira Estrutural (Pemade) da Universidade de Santiago para a caracterización de especies forestais galegas e que poidan ser prescritas por arquitectos; a colaboración coa Universidade de Vigo para o uso de madeira nas súas infraestruturas; ou a recuperación de edificios históricos, a través dun convenio coa Fundación Catedral.

No ámbito da innovación, referiuse á Unidade Mixta Eixo, na que participan a empresa madereira Finsa e a Universidade de Santiago de Compostela, a través da Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade), coa colaboración da Xunta. Esta iniciativa busca mellorar os procesos de transformación da madeira e desenvolver novidosos produtos e sistemas construtivos de baixa pegada de carbono para a súa aplicación nunha construción eficiente enerxeticamente.

A xornada que se celebra hoxe en Santiago de Compostela conta co apoio da Xunta no marco da Estratexia de formación da industria forestal, dentro da cal se vén de resolver a orde de axudas de formación para este ano, pola que se realizarán 130 accións con contidos específicos para a industria forestal.

A través da Axenda da Industria Forestal, deseñada conxuntamente entre a Administración e os actores protagonistas (empresas e centros de coñecemento), búscase potenciar o sector e impulsar a bioeconomía como motor de competitividade, priorizando a dinamización económica e do entorno rural, e buscando xerar empregos que permitan tamén a fixación de poboación. A execución desta Axenda mobilizará 125 millóns de euros ata 2021, prestixiando esta industria para posibilitar novos mercados e o acabamento de novos produtos, incorporando as tecnoloxías específicas máis avanzadas, e mellorando a formación dos traballadores do sector para garantir a súa profesionalización. Trátase así de conseguir que a madeira e os produtos forestais actúen como o elemento central de impulso á bioeconomía.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre