Inicio Galicia A Xunta sinala en Lugo que a orientación laboral é clave para...

A Xunta sinala en Lugo que a orientación laboral é clave para promover a integración e calidade no traballo das persoas con discapacidade

0

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, visitou hoxe o centro de recursos de Cogami, no que se ofrecen servizos de información, orientación, formación e promoción da autonomía persoal


O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, visitou hoxe en Lugo o centro de recursos de Cogami no que a entidade ofrece, entre outros, servizos de orientación e intermediación laboral, formación para o emprego, información e promoción da autonomía persoal. Conta, ademais, cun centro de día con 27 prazas ocupadas.

Casal mantivo un encontro co persoal de orientación, coordinación e dirección da entidade para escoitar as súas principais demandas e indicarlles a importancia da colaboración entre as distintas asociacións á hora de definir materias que se adecúen ao actual escenario laboral poscovid-19. Neste senso, informoulles sobre as axudas postas en marcha pola Xunta de Galicia para seguir promovendo na Comunidade autónoma a integración e calidade no traballo das persoas con discapacidade.

Así, destacou que este mesmo mes de xullo, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará as axudas destinadas a apoiar o emprego de 3200 traballadores con discapacidade de 110 centros especiais. Cun investimento de 17,2M€, o programa permitirá apoiar a creación, ampliación, continuidade e adaptación dos postos de traballo, así como o mantemento do custo salarial dos seus traballadores e a contratación de unidades de apoio.

Esta convocatoria introduce como novidade medidas excepcionais para a concesión das axudas e a tramitación dos pagamentos anticipados no caso de expedientes de regulación de emprego temporal (Ertes) derivados da pandemia da covid-19. Así, en todos os programas, o feito de que a persoa pola que se solicita a axuda estea afectada por un Erte non impide a concesión do apoio.

Casal tamén sinalou que a Xunta vén de resolver, cunha contía de 6,7 millóns de euros, a convocatoria de axudas destinada aos concellos e entidades sen ánimo de lucro que presten servizos de orientación laboral para o emprego e asistencia para o autoemprego. Estes apoios teñen como obxectivo mellorar as posibilidades de ocupación das persoas demandantes de emprego.

Orientación e formaciónNeste senso, destacou que a orientación e a formación especializada son claves para integrar no mercado laboral ás persoas con discapacidade e, deste xeito, avogou pola posta en marcha de programas para o emprego que inclúan información, unha diagnose individual dos participantes, asesoramento, motivación e o acompañamento nos procesos de acceso e cambios laborais.

Así mesmo, apuntou que a formación de calidade e especializada facilitará a inserción laboral das persoas con discapacidade no novo horizonte socioeconómico, avogando por responder coa máxima eficiencia ás demandas de perfís e competencias por parte das empresas.

Para rematar, o director xeral agradeceu o labor que desempeña Cogami no eido laboral, poñendo en valor que no primeiro semestre deste ano, a través do seu servizo de emprego, atendeu a preto de 4.000 persoas, xestionou máis de 450 ofertas de traballo e mantivo preto de 800 contactos con empresas ou entidades. Así, acadou que 880 persoas atoparon un emprego das que preto de 110 foron en Lugo.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre