Inicio Galicia A Xunta sinala a necesidade de trasladarlle seguridade xurídica e certezas ao...

A Xunta sinala a necesidade de trasladarlle seguridade xurídica e certezas ao tecido empresarial e aos autónomos

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, informa nun encontro coa Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) que se pediu por carta ao Ministerio de Industria que aclare que actividades poden seguir operando

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe unha videoconferencia con representantes da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e de confederacións provinciais, no que incidiu na necesidade de trasladarlle seguridade xurídica e certezas ao tecido empresarial e aos autónomos.

Neste sentido no encontro, que forma parte da rolda de contactos que a Xunta está a manter con todos os axentes económicos e sociais, informounos de que a Administración autonómica enviou cartas tanto á ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, como ao secretario xeral de Industria e da Peme, Raúl Blanco, para que aclaren todas as dúbidas recollidas nas últimas horas entre os distintos sectores económicos, e que concreten cales son as actividades industriais que poden seguir operando.

Conde explicou que o que se lle pide ao Goberno “é concreción, é seguridade xurídica e sobre todo que as nosas empresas saiban que actividade industrial se pode desenvolver en igualdade de condicións que outras comunidades autónomas”, e, polo tanto, “que a actividade industrial que regula o Real decreto sexa transparente, sexa clara e traslade con certeza que sectores e que industrias poden seguir desenvolvendo a súa tarefa”.

Por outra banda, durante a reunión o conselleiro de Economía, Emprego e Industria tamén lles trasladou aos representantes da Confederación de Empresarios de Galicia que, dentro do Comité de fabricación de equipamento sanitario impulsado pola Xunta, xa está en marcha a plataforma ‘Market Place’, que coordinará e canalizará a demanda de equipos de protección e a oferta do tecido empresarial galego. Esta plataforma posibilitará que o sector público acade o material que precisa coa calidade esixida, mentres os produtores xestionan directamente os acordos de compra e venda.

Conde apuntou que todas e cada unha das medidas económicas adoptadas pola Xunta para facer fronte aos efectos do coronavirus parten do diálogo e o consenso, porque á Administración autonómica lle interesa coñecer de preto as inquedanzas e as necesidades que esta situación lles supón a empresas, autónomos e traballadores, e darlles unha resposta o máis áxil e inmediata posible.

Neste sentido, a nova reunión mantida hoxe coa CEG serviu para abordar as medidas postas en marcha polo de agora por parte da Xunta para inxectar liquidez inmediata a pemes e autónomos. Por un lado, a liña de financiamento que lles vai permitir acceder a préstamos de ata 200.000 euros, para cubrir os seus gastos correntes, facturas, pago de salarios ou de alugueiros, entre outros, e que vai mobilizar 250 millóns de euros en todo o tecido empresarial galego. A Xunta bonificará o 100% dos xuros. Por outra banda, a Administración autonómica tamén aprobou o aprazamento das cotas de amortización e xuros dos préstamos formalizados coa Xunta de Galicia –a través do Igape e XesGalicia–. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre