Inicio Galicia A Xunta sinala a importancia de promover boas prácticas nas empresas para...

A Xunta sinala a importancia de promover boas prácticas nas empresas para reducir a sinistralidade e mellorar a saúde no traballo

0

A delegada territorial en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou na inauguración da décimo cuarta edición de Previsel-Salón de Prevención e Seguridade Laboral que se celebra en Expourense

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, salientou hoxe que a prevención e o compromiso coa seguridade laboral son unha prioridade para o Goberno galego que ten en marcha, en coordinación cos axentes sociais, a Estratexia de seguridade e saúde no traballo, que inclúe 163 medidas, para garantir un emprego seguro e de calidade. Fíxoo na inauguración da décimo cuarta edición de Previsel, o único salón sobre prevención de riscos laborais de Galicia que se desenvolve durante dous días en Expourense.

Díaz Mouteira sinalou que a prevención de riscos laborais é unha tarefa na que ten que estar inmersa toda a sociedade e coa que se contribúe a xerar emprego de calidade e á mellora da competitividade.

Galicia seguirá traballando, a través do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) -cuxa directora, Adela Quinzá-Torroja, tamén participou no acto de inauguración deste evento- pola promoción dunha cultura baseada na seguridade e na saúde de traballo complementando a actividade de control con campañas e xornadas informativas.

Previsel é un salón organizado por Expourense co patrocinio do ISSGA, un organismo autónomo integrado pola Administración autonómica e por axentes sociais e empresariais. A edición deste ano conta cunha trintena de expositores e ofrece un completo programa con 30 actividades que teñen o obxectivo de sensibilizar sobre a necesidade de contar con formación en materia de seguridade e prevención de riscos ou de enfermidades.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre