Inicio Galicia A Xunta sinala a importancia de apostar pola formación e a orientación...

A Xunta sinala a importancia de apostar pola formación e a orientación para mellorar a inserción laboral das persoas con discapacidade

0

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, reuniuse hoxe cos responsables das asociacións de Asperga na Coruña e Down Galicia para escoitar as súas principais demandas

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, mantivo hoxe sendos encontros cos responsables da Asociación Galega de Asperger (Asperga) na Coruña e de Down Galicia para escoitar as súas principais demandas e indicarlles a importancia da colaboración entre as distintas entidades á hora de definir materias que se adecúen ao actual escenario laboral poscovid-19.

Casal sinalou que é clave apostar pola formación especializada e a orientación para a mellora da inserción laboral das persoas con discapacidade avogando por programas que inclúan información, unha diagnose individual dos participantes, asesoramento, motivación e o acompañamento nos procesos de acceso e cambios laborais.

Lembrou que a Xunta está a impulsar un modelo de orientación aberta que busca unha maior implicación, compromiso e protagonismo da persoa demandante na configuración, execución e mellora do seu propio proceso de procura activa de emprego, cunha maior relevancia das TIC no seguimento e interacción.

Explicou, deste xeito, que neste contexto, o persoal dedicado á orientación laboral asume un rol máis motivador e facilitador, dotando á persoa demandante das competencias necesarias para poder atender ao seu desenvolvemento profesional.

Este modelo de orientación aberta é unha aposta da Administración autonómica para achegar o servizo aos usuarios e combinar accións presenciais e online, nunha firme aposta polo desenvolvemento das novas tecnoloxías.

Así mesmo, apuntou que a formación de calidade e especializada facilitará a inserción laboral das persoas con discapacidade no novo horizonte socioeconómico, avogando por responder coa máxima eficiencia ás demandas de perfís e competencias por parte das empresas.

Por último, Casal informoulles de que a Xunta vén de resolver, cunha contía de 6,7 millóns de euros, a convocatoria de axudas destinada aos concellos e entidades sen ánimo de lucro que presten servizos de orientación laboral para o emprego e asistencia para o autoemprego. Estes apoios teñen como obxectivo mellorar as posibilidades de ocupación das persoas demandantes de emprego.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre