Inicio Galicia A Xunta seguirá sendo leal co Goberno central nas negociacións da PAC...

A Xunta seguirá sendo leal co Goberno central nas negociacións da PAC pero inflexible na defensa dos intereses de Galicia

0

José González lamentou a rebaixa do 10% no orzamento da futura PAC, que supón unha “perda do peso relativo” destas partidas no conxunto das contas comunitarias, algo que -dixo- cómpre compensar cos fondos de reconstrución

A Xunta seguirá sendo leal co Goberno central nas negociacións para definir a futura PAC, pero será inflexible na defensa dos intereses dos agricultores, gandeiros e silvicultores galegos. Así o advertiu esta mañá o conselleiro do Medio Rural, José González, quen insistiu en destacar a rebaixa do 10% que se rexistrou nos fondos da futura Política Agrícola Común, o que supón -dixo- unha perda do peso relativo destas partidas no conxunto do orzamento da Unión Europea.

Por iso, reclamou ao Goberno de España que fortaleza os orzamentos para o sector primario a partires dos fondos de reconstrución, definindo e concretando o que lle vai corresponder aos agricultores e gandeiros dos 750.000 euros destas achegas, das que -lembrou- polo de agora só un 1% corresponden aos sectores primarios.

Todo isto, remarcou González, nun contexto no que a futura PAC vai incrementar os compromisos ambientais que teñen que asumir os agricultores e gandeiros para manter a súa actividade. Por iso, sinalou, necesitamos “máis tempo e diñeiro” para facilitar a transición a esa nova PAC máis “verde”. E iso tendo en conta que os actores do sector primario en Galicia son os primeiros interesados na defensa dese compromiso ambiental.

Insatisfacción polos resultados provisionaisPor todas estas razóns, o conselleiro indicou que “non podemos estar satisfeitos” cos resultados provisionais das negociacións da PAC. Nesta liña, referiuse ademais ao decreto sobre a xestión das dexeccións gandeiras (sobre o tratamento dos puríns) que está a elaborar o Goberno central e advertiu que a Xunta vai presentar alegacións a esta norma, coa que non está de acordo.

Sobre os ecoesquemas, unha nova liña de financiamento da UE para apoiar ese compromiso ambiental, José González afirmou que é unha “boa nova” que se manteña unha achega do 20% das axudas do primeiro piar para esta finalidade, así como os dous anos de período transitorio para implementar estas medidas.

Ademais, o conselleiro mostrou a súa “preocupación” polo feito de que desde o Goberno central xa se estean anunciando axudas para sectores como o das oliveiras, que favorecerán só a determinadas zonas do territorio español. Reclamou, neste sentido, que se atenda a todas as comunidades e as súas especificidades, contemplando no caso galego sectores como os soutos de castiñeiros e, en xeral, as pequenas explotacións agrogandeiras propias do noso territorio.

Grupos de traballoNesta liña, González lembrou ademais que Galicia fixo os seus deberes ao crear un grupo de traballo coa USC que nos permite “ver todas as proxeccións de como afecta ás nosas explotacións” a futura arquitectura da PAC. Advertiu tamén que existe outro grupo no seo do Consello Agrario Galego no que están representados os principais axentes do rural, entre elas as organizacións profesionais agrarias, o que lles permite facer achegas á hora de definir a postura galega nestas negociacións.

Por último, en relación especificamente co sector do viño, o conselleiro do Medio Rural cualificou como positivo que se incremente o período dos dereitos de plantación, algo que vai favorecer os nosos viticultores e adegueiros. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre