Inicio Galicia A Xunta seguirá apoiando o liderado e a innovación da industria conserveira...

A Xunta seguirá apoiando o liderado e a innovación da industria conserveira galega cuns orzamentos para 2019 que aumentan a súa aposta polo sector

0

Precisa que neste ano a Xunta destinará máis de 75 millóns de euros á mellora das estruturas da cadea mar-industria e a aumentar o valor engadido e a axeitada venda dos produtos do mar

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, garantiu hoxe o compromiso do Goberno autonómico co liderado da industria conserveira galega, cuns orzamentos para este 2019 que aumentan a aposta pola innovación, o valor engadido e as exportacións.

Durante a cea conmemorativa do 115 aniversario de Anfaco-Cecopesca e a entrega do Premio de Deseño Anfaco-Fundación Banco Sabadell, Feijóo precisou que neste ano a Xunta destinará máis de 75 millóns de euros á mellora das estruturas da cadea mar-industria e a aumentar o valor engadido e a axeitada venda dos produtos do mar, ademais de 24 millóns para axudas a pequenas e medianas empresas e preto de 9 millóns a eventos expositivos internacionais. Todo isto, explicou, baixo o Plan estratéxico da industria galega horizonte 2020.

Así mesmo, referiuse aos resultados do sector, que indican que a Galicia conserveira non só ten un bo presente, senón moita potencia de futuro. Ao respecto, destacou o aumento do peso no conxunto da economía galega, que xa é dun 3%; o volume de produción, que chegou ao 86% do resultado global nacional; as exportacións, que acadaron os 675 millóns de euros. E precisou que máis do 40% das fábricas conserveiras de España están na Comunidade, dando emprego a máis de 12.400 persoas en Galicia.

Ao longo da súa intervención, o titular do Executivo autonómico destacou a traxectoria de Anfaco-Cecopesca, peza esencial para entender o progreso do sector e que reúne a 253 empresas deste eido, que facturaron máis de 9.400 millóns de euros. “Estamos a falar dunha organización que representa a Galicia emprendedora, a Galicia calidade e a Galicia aberta ao mundo; que representa, en definitiva, a mellor Galicia”, aseverou, subliñando que, lonxe de acomodarse, o paso do tempo deulle a experiencia precisa para converterse en todo un referente.

Sobre este punto, incidiu en que a innovación foi e é o elemento clave que fai que Anfaco sexa o maior produtor europeo en conservas e o segundo mundial se se fala de conservas de atún.

Feijóo concluíu resaltando tamén o labor de todos os participantes neste premio, cuxos carteis son unha nova e orixinal declaración de intencións deste sector que quere seguir dándose a coñecer.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre