Inicio Galicia A Xunta segue a formar ao persoal das delegacións no Sistema de...

A Xunta segue a formar ao persoal das delegacións no Sistema de Atención á Cidadanía con novas xornadas en Pontevedra e Vigo

0

A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, participou hoxe na formación, que continuará a próxima semana nas sedes do Goberno galego na Coruña e Ourense


A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, participou hoxe nas xornadas explicativas en Pontevedra e Vigo sobre o Sistema Electrónico de Atención á Cidadanía (SIACI) dirixidas ao persoal das delegacións territoriais da Xunta.

A próxima semana a formación continuará nas delegacións territoriais da Xunta na Coruña e Ourense, o mércores 13 e o xoves 14 respectivamente. Os funcionarios da delegación de Lugo xa coñeceron o funcionamento desta ferramenta o pasado martes.

En total, máis de 200 funcionarios das delegacións territoriais do Goberno galego aprenderán a manexar este novo sistema de tramitación electrónica que, desde un único punto, dará cobertura ás queixas e suxestións, solicitudes de información xeral e particular e acceso á información pública.

A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa destacou que o SIACI é unha ferramenta electrónica transversal e única que unificará os mecanismos da Administración para a atención á cidadanía para ordenar e simplificar os procedementos. Ademais, coa implantación desta solución tecnolóxica optimizarase a xestión de tarefas entre os procesos que cobren os empregados públicos de distintas unidades, así como os prazos de resposta. Tamén se posibilitará medir a satisfacción sobre os servizos prestados, o que favorecerá a detección de posibles melloras.

Co Sistema Integrado de Atención á Cidadanía a tramitación é de forma electrónica de principio a fin, o que contribúe a eliminar o papel na tramitación interna e consolidar unha administración moderna, transparente e dixital.

Trátase dun sistema multicanle, polo que os cidadáns poden presentar as súas solicitudes de información e as súas queixas ou suxestións á Administración autonómica tanto a través da sede electrónica, como de xeito presencial nas Oficinas de Atención á cidadanía e de rexistro ou por vía telefónica contactando co servizo do 012.

Ademais, poderase coñecer o estado de tramitación no que se atopa o expediente da petición en calquera momento, desde un único punto a través da Carpeta do cidadán, de xeito que se incrementa a transparencia administrativa.

A Xunta organizou a semana pasada dúas xornadas, similares ás que se están a celebrar estes días nas delegacións territoriais, destinadas a máis de 500 funcionarios das distintas consellerías do Goberno galego. A formación sobre o SIACI xa se iniciara o pasado setembro coa participación de 100 empregados da Presidencia, da Vicepresidencia e das delegacións territoriais.

Nalgúns departamentos, o sistema xa empezou a funcionar en outubro e está previsto que poida estar operativo en toda a Administración autonómica no primeiro trimestre de 2020. O servizo será utilizado por todo o sector público autonómico, tanto servizos centrais como territoriais ou entidades instrumentais.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre