Inicio Galicia A Xunta salienta que a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal está hoxe máis...

A Xunta salienta que a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal está hoxe máis preparada ante os riscos costeiros grazas ao MarRISK

0
image_gallery.jpg

A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, que coordina este proxecto transfronteirizo a través de MeteoGalicia, deu por clausurado hoxe o evento internacional de presentación de resultados do MarRISK, no que se analizou tamén o futuro dos observatorios oceánicos


As zonas litorais de Galicia e o Norte de Portugal están hoxe máis e mellor preparadas para avaliar os eventuais riscos costeiros nun escenario de cambio climático grazas ao traballo desenvolvido no marco do proxecto MarRISK. Esta foi unha das principais conclusións expostas esta mañá durante o evento internacional organizado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para dar a coñecer os resultados da iniciativa nos seus máis de tres anos de funcionamento.

A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático (DXCASCC), dependente da Consellería, é a principal beneficiaria do MarRISK, un proxecto do observatorio transfronteirizo RAIA e financiado con cargo ao Programa de Cooperación Interreg España-Portugal (Poctep). MarRISK naceu coa misión de asegurar un crecemento intelixente e sustentable das zonas litorais de Galicia e Norte de Portugal mediante a avaliación dos riscos costeiros máis destacados nun escenario de cambio climático, para mellorar a resiliencia dos sectores económicos tradicionais e doutros emerxentes.

A súa finalidade é afondar no coñecemento da evolución do clima costeiro, mellorando a resolución das análises existentes na actualidade. Para iso, utiliza e mellora os sistemas de monitorado e vixilancia desta evolución e pon a disposición das administracións públicas, do tecido produtivo e da sociedade en xeral, ferramentas de apoio á toma de decisións, que melloren a xestión dos recursos e a ordenación do litoral.

Cun orzamento global de 2,96 millóns, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático achega ao proxecto preto de 425.000 euros e exerce o papel de coordinadora a través de MeteoGalicia. Ademais, tamén participan Intecmar e Cetmar, o que garante as sinerxías de actuación destes tres organismos co obxectivo común de asegurar un crecemento intelixente e sustentable no litoral da Eurorrexión.

Tal e como se expuxo na presentación dos resultados do proxecto, entre as actividades desenvolvidas desde a súa posta en marcha en xullo de 2017 cómpre subliñar o reforzo da rede de observación océano-meteorolóxica do Observatorio RAIA, mellorando a resolución das análises existentes; a elaboración dun listado de indicadores para a avaliación dos efectos do cambio climático; ou a mellora dos modelos de predición (mapas de cambios da liña de costa en función dos cambios derivados do cambio climático, mapas de erosión costeira, mapas de inundación, modelos de axitación marítima, hidrodinámicos e de produción primaria, entre outros).

Así mesmo, tamén se desenvolveron servizos climáticos como a evolución da liña costeira e ameazas da erosión na costa portuguesa, os efectos do cambio climático en acuicultura de mexillóns, o cálculo do índice de resiliencia para o Porto de Langosteira co obxectivo de mellorar a súa operativa nun contexto de cambio climático –e extrapolable a outros portos-, ou a aplicación Percegurú dirixida ao sector dedicado á explotación do percebe.

En definitiva, como destacou a subdirectora xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático, María Luz Macho, o traballo desenvolvido no marco do proxecto MarRISK contribúe á mellora da resiliencia dos sectores económicos estratéxicos do litoral da Área de Cooperación (turismo, tráfico marítimo e sector portuario, sector pesqueiro e marisqueiro, incluída a acuicultura off-shore ou as enerxías renovables mariñas) a través dos servizos climáticos establecidos, que permiten anticiparse a eventuais riscos asociados ao cambio climático, optimizando así a súa capacidade de adaptación.

Grazas a MarRisk afóndase no coñecemento da evolución do clima costeiro, e refórzase por ambas vías o sistema de vixilancia operacional dos riscos costeiros para que ofreza servizos xerais e específicos para actividades no medio mariño, o que fai desta iniciativa unha aproximación novidosa e de gran valor para a rexión Galicia-Norte de Portugal.

Papel do IntecmarNo evento tamén participaron a directora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), Covadonga Salgado, e o xefe da unidade de Modelado Oceanográfico deste centro, Pedro Montero, que puxeron de relevo a importancia de contar con información océano-meteorolóxica para avaliar os posibles riscos asociados ao cambio climático no eido marítimo, un dos obxectivos principais do MarRisk.

Ademais, os representantes do Intecmar destacaron o labor do centro dependente da Consellería do Mar na observación oceanográfica e na loita contra a contaminación e a colaboración nestas materias con outras institucións de ámbito autonómico e do norte de Portugal a través da rede RAIA, constituída para fortalecer unha infraestrutura de observación na marxe ibérica común á eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Observatorio RAIAO Observatorio RAIA cumpre este ano unha década en funcionamento, período durante o que serviu de modelo para outros observatorios costeiros en España e axudou a desenvolver novos proxectos de investigación, como MyCoast ou o propio MarRISK. Por este motivo, o evento que acolleu estes días a Cidade da Cultura, en Santiago, incluíu tamén durante a xornada do luns unha sesión coloquio sobre o estado actual e futuro dos observatorios oceánicos costeiros, que contou coa participación de representantes de seis destas instalacións de España e Portugal, incluído o Observatorio RAIA.

Cómpre lembrar que a DXCASCC, a través de Meteogalicia, foi o motor principal da creación deste observatorio, en estreita colaboración cos antes mencionados Intecmar e Cetmar. A unión destas tres entidades foi a que lle deu peso real na parte galega, e propiciou a creación do Observatorio Costeiro Xunta, o pasado mes de febreiro.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre