Inicio Galicia A Xunta salienta o traballo para acadar a integración da saída sur...

A Xunta salienta o traballo para acadar a integración da saída sur de Vigo na Rede básica europea de transportes e reitera a Fomento a necesidade de definir xa os proxectos para rematala antes do 2030

0

O director explica que para demandar a Bruxelas os fondos necesarios, que se asigna en concorrencia competitiva, é preciso ter plans de calidade enriba da mesa

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2019.- O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, salientou hoxe na Comisión 2ª do Parlamento o traballo realizado desde a Xunta para acadar a integración da denominada saída Sur de Vigo na rede básica europea de transportes, e incidiu na necesidade de que o Ministerio de Fomento se poña a traballar xa na definición dos proxectos dentro da rede TEN-T para poder tela rematada antes do ano 2030. O director xeral de Mobilidade explicou que o feito de que a saída Sur de Vigo sexa Corredor da rede TEN-T habilita ao Estado español a dispor de fondos comunitarios, que se asignan en concorrencia competitiva. E segundo subliñou, isto significa que para non deixar pasar esta oportunidade o Ministerio de Fomento debe poñerse a traballar xa, para dispor duns proxectos de calidade que pór enriba da mesa para demandar de Bruxelas o financiamento necesario. Para enmarcar a importancia que a liña ferroviaria Saída Sur de Vigo ten para a cidade e a contorna, Ignacio Maestro puxo o acento na redución dos tempos e a distancia nas viaxes por ferrocarril entre a cidade olívica e Valença do Miño. En concreto, dixo, permitirá reducir case á metade os actuais 48 quilómetros do traxecto por ferrocarril entre Vigo e Valença do Miño, e reducir en case un terzo o tempo da viaxe, pasando dos 40 minutos actuais a poder realizarse en 15 minutos. Segundo indicou esta mellora reducirá, xunto coas actuacións nos ferrocarrís portugueses, o tempo de viaxe entre Porto e Vigo de case dúas horas e media na actualidade, a aproximadamente unha hora e media. Cifras que amosan por si mesmas, tal e como subliñou, as melloras que a Saída Sur de Vigo significará para Galicia.

O director Xeral de Mobilidade destacou tamén a mellora que a inclusión da saída Sur na rede básica europea supón para a poboación do Porriño, que verá cumprida a súa histórica reclamación de que o tren deixe de dividir o pobo en dous, cos riscos que o paso a nivel actual implica. E referiuse a como a execución da Saída Sur posibilita a tan desexada e necesaria conexión da terminal de Bouzas co ferrocarril, un necesario pulo para a economía de Vigo.

Incidiu ademais, que do Corredor Atlántico e da rede TEN-T non só benefician a execución da Saída Sur de Vigo, senón que tamén deben incluír e beneficiar a conexión ferroviaria do Porto exterior de Coruña e Ferrol, e a PLISAN. Isto, engadiu, sen esquecer o Porto Seco de Monforte, único nodo loxístico galego incluído na rede europea de transporte. Por esta razón, a Dirección Xeral de Mobilidade ten solicitado ao Ministerio de Fomento que aclare a súa definición dentro da REDE TEN-T, como corresponde.

Ignacio Maestro remarcou que para que dea froitos o esforzo feito desde Goberno Galego, conxuntamente con axentes sociais e institucionais doutras comunidades, é indispensable a implicación absoluta do Ministerio de Fomento para que presente canto antes os proxectos necesarios e que Galicia non vexa pasar este tren sen se subir nel. Proxectos que, tal e como expuxo, xa se teñen reclamado desde a Xunta ao Goberno de España de xeito inmediato despois da presentación do plan director de Fomento para o Corredor Atlántico, un power point con notables erros e esquecementos e cun investimento proposto de dez veces menor ca no Corredor Mediterráneo. E afirmou que a Xunta volverá reclamar en canto haxa novo Goberno en España, o cumprimento do seu compromiso de ter a Saída sur de Vigo rematada antes de rematar o ano 2030. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre