Inicio Galicia A Xunta salienta o éxito e o carácter exemplar da colaboración co...

A Xunta salienta o éxito e o carácter exemplar da colaboración co banco Santander para rexenerar a zona queimada no 2017 en Ponteareas

0

O titular de Medio Rural agradeceu a esta entidade bancaria o seu compromiso social e ambiental ao terse involucrado nun proxecto cun orzamento de 860.000 euros

O conselleiro do Medio Rural, José González, destacou hoxe “o éxito e o carácter exemplar” da colaboración público-privada entre a Xunta e o Banco Santander para acometer a rexeneración ambiental, da paisaxe e preventiva da zona ardida no lume de Ponteareas de 2017, que tamén afectou os concellos limítrofes de Pazos de Borbén, Fornelos de Montes, Mondariz, Soutomaior, Pontecaldelas e Cotobade. O conselleiro realizou hoxe un percorrido por unha zona na parroquia de Padróns na que se están a desenvolver os traballos, acompañado pola directora territorial de Galicia do Banco Santander, Rosario María García Alonso.

José González enmarcou este acto na aposta da Xunta por un monte “multifuncional, vivo e dinámico” que sexa “sostible económica, social e ambientalmente” e animou a toda a sociedade a sumarse a este tipo de iniciativas, pero sempre da man do Goberno galego, xa que os servizos forestais públicos teñen a capacidade técnica e a experiencia na xestión do monte necesarias para levalas adiante con éxito.

Na visita, o conselleiro agradeceu ao Banco Santander o seu compromiso social e ambiental, que se puxo de manifesto ao involucrarse nun proxecto cun orzamento de preto de 860.000 euros. Estes fondos serviron para impulsar diferentes actuacións, que segundo o conselleiro marchan a bo ritmo. Trátase do cambio de uso de dúas parcelas, unha de 135 hectáreas e outra de preto de 11 para a súa transformación en pasteiros, da realización de tratamentos para a vexetación noutras 72 hectáreas e da creación de descontinuidades en valgadas, coa plantación de ata 105.000 bidueiros.

Pasteiros e pasos canadianosEn relación cos pasteiros, os traballos consisten no corte e na eliminación dos pés queimados e na construción de peches perimetrais. Ademais, tamén está previsto habilitar diversos pasos canadianos para evitar a saída do gando, facilitando ao mesmo tempo o acceso de cazadores ou outros usuarios. Os tratamentos para a vexetación teñen que ver fundamentalmente coa eliminación dos pés queimados, tanto de piñeiro como de eucalipto. Por último, a creación de descontinuidades estase a facer mediante a plantación de diferentes especies, tales como bidueiros e outros tipos de frondosas (pradairo ou carballo), cos que ademais de crear devasas tamén se habilitará unha área de entretemento e goce para os veciños.

Tras os lumes de outubro de 2017, a Xunta afrontou a consolidación de chans e a recuperación de zonas queimadas naqueles sitios que así o requirían e seguindo sempre as directrices dos técnicos do Centro de Investigación Forestal de Lourizán. Así, fixéronse sementados rexenerativos, eliminouse madeira queimada sen valor comercial e aproveitouse a recuperable. Tamén se melloraron infraestruturas forestais.

O conselleiro avanzou que de cara ao futuro o Goberno galego continuará traballando nesta liña de recuperar e rexenerar áreas afectadas por incendios, afondando no posible nesa colaboración público-privada, que –salientou– “está a dar os seus froitos, en beneficio de Galicia”. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre