Inicio Galicia A Xunta salienta a unidade mostrada polo sector para elixir a Lina...

A Xunta salienta a unidade mostrada polo sector para elixir a Lina Solla como a primeira muller que preside o Consello Regulador do Mexillón de Galicia

0
image_gallery.jpg

A conselleira do Mar enxalza a figura da nova responsable da entidade pois coñece o sector, as súas distintas sensibilidades e conta cunha traxectoria profesional de case 25 anos dedicada ao desenvolvemento da súa empresa


A conselleira do Mar, Rosa Quintana, presidiu hoxe a sesión constitutiva do pleno do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida (DOP) Mexillón de Galicia, onde salientou a unidade amosada polo conxunto do sector ao presentar unha única candidatura de consenso á Presidencia da entidade e pola que Lina Solla se converte na primeira muller en presidir o organismo así como a primeira en ocupar o cargo procedente do subsector dos centros de depuración.

A titular de Mar subliñou que se trata duns comicios históricos tanto pola elección da primeira presidenta do Consello Regulador como pola fortaleza e unión amosadas polo sector na defensa da mitilicultura galega, por enriba dos intereses particulares dos distintos subsectores. De feito, o consenso entre produtores, centros de depuración e expedición e empresas de transformación evitou que tivesen que celebrarse as eleccións, polo que a representante da Xunta agradeceu a unión do sector e instou a traballar na mesma dirección en beneficio do conxunto dos profesionais vencellados co mexillón.

Rosa Quintana enxalzou a figura de Lina Solla pois “coñece moi ben o sector e é unha presidenta solvente ao representar as distintas sensibilidades do sector” froito dunha traxectoria profesional de case 25 anos dedicada ao desenvolvemento da súa propia empresa. Neste sentido, asegurou que se trata dunha muller feita a si mesma, que superou as trabas iniciais atopadas nun mundo moi masculinizado, e que se converteu nun exemplo do empoderamento feminino e da igualdade de oportunidades.

Neste sentido, a titular de Mar incidiu en que a nova presidenta do Consello Regulador exemplifica tanto o transcendental papel das mulleres no complexo mar-industria de Galicia como a importancia de que teñan voz nos órganos de decisión. Nesta liña, tamén destacou que é unha mostra máis do esforzo diario e constante que realizan os galegos co obxectivo de avanzar e gañar en competitividade en todos os eidos.

Importancia do sectorA representante do Executivo autonómico subliñou ademais a relevancia do Consello Regulador da DOP Mexillón de Galicia pois o seu labor é fundamental para fomentar a calidade do mexillón e controlar a súa orixe e calidade, algo que ten especial transcendencia nunha comunidade que é a primeira produtora de Europa deste molusco e que o ano pasado sacou ao mercado máis de 255.000 toneladas de produto, a cuarta mellor cifra desde 2009.

Nesta liña, a conselleira do Mar destacou o traballo realizado polo Consello Regulador desde 2010 pois logrou cuadriplicar o volume de mexillón amparado pola DOP, con preto de 56.000 toneladas en 2019, representando o 22% da produción total de Galicia. Un labor que contribúe a facer valer en todo o mundo a calidade do molusco galego e as súas especiais características froito das condicións nas que medra nas máis de 3.300 bateas instaladas nas rías galegas.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre