Inicio Galicia A Xunta salienta a importancia das marcas de calidade dos produtos do...

A Xunta salienta a importancia das marcas de calidade dos produtos do mar para aumentar o seu valor e os ingresos do sector

0

O selo gastronómico Km 0 MarGalaica identifica os restaurantes que ofrecen produtos do mar de Galicia descargados nos portos e lonxas da contorna, a menos de 100 quilómetros de distancia


A conselleira do Mar, Rosa Quintana, salientou hoxe a importancia de diferenciar os produtos do mar de Galicia mediante marcas e selos de calidade para que acaden os prezos que lles corresponden no mercado e así aumenten os ingresos dos profesionais do sector. A representante da Xunta incidiu neste aspecto durante a presentación do selo gastronómico Km 0 MarGalaica-Ría de Muros Noia, promovido polo grupo de acción local do sector pesqueiro (GALP) Seo de Fisterra Ría de Muros-Noia Costa Sostible e que identifica os restaurantes que ofrecen produtos do mar de Galicia descargados nos portos e lonxas da contorna, a menos de 100 quilómetros de distancia.

A titular de Mar incidiu en que Galicia hai exemplos de distintivos que amparan a calidade dos produtos do mar da comunidade como son a Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia ou o selo de identidade dos produtos da baixura pescadeRías, de onde se non?. Este tipo de marcas, explicou Rosa Quintana, permiten dar maior valor engadido ao produto, ofrecer máis información ao consumidor do impacto ambiental dos produtos pesqueiros e aportar máis seguridade ao mercado sobre a procedencia do produto.

Neste sentido, a conselleira do Mar subliñou que Km 0 MarGalaica é “unha solución sinxela pero cun enorme valor ambiental e social”. “Trátase dun produto de alta gama culinaria e de gran calidade, frescor e un sabor inigualable que responde con altura ao esforzo de quen o captura e ao compromiso co seu territorio”, destacou a representante do Executivo galego.

A presentación desta iniciativa contou cunha degustación previa de produtos do mar en varios postos da praza de Abastos e un showcooking posterior no que participaron varios cociñeiros que elaboraron receitas a base de produtos pesqueiros e marisqueiros da comunidade. Unha acción para dar a coñecer a marca Km 0 MarGalicia que a titular de Mar cualificou de “exercicio de identidade exemplarizante no que o coidado do recurso, do seu hábitat e da economía local se deron a man”, polo que agradeceu o seu labor ao GALP Seo de Fisterra Ría de Muros-Noia Costa Sostible.

Este selo gastronómico de calidade identifica aos restaurantes que ofrecen produtos do mar galego. De feito, todos os restaurantes da Ruta dos Faros de Galicia contan con este distintivo, que garante que preparan e identifican aqueles pratos elaborados baixo esta filosofía, é dicir, produtos da pesca costeira artesanal descargados nos portos e lonxas da contorna, a menos de 100 quilómetros de distancia.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre