Inicio Galicia A Xunta saca a concurso o deseño de 18.000 bolsas de tea...

A Xunta saca a concurso o deseño de 18.000 bolsas de tea que repartirá entre a poboación para reducir o uso do plástico

0

Haberá dúas convocatorias: unha dirixida a estudantes de facultades e escolas superiores de Publicidade, Belas Artes e Deseño e outra, para alumnos de primaria


A Xunta de Galicia lanzará unha nova campaña para fomentar a conciencia social dos galegos sobre o uso de bolsas de plástico non biodegradables e a necesidade de reducir o seu consumo actual co reparto de 18.000 bolsas de tea reutilizables (15.000 para a compra e 3.000 bolsas para a merenda). Os deseños destas bolsas, tal e como explicou hoxe en rolda de prensa a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, escolleranse a través de dous concursos públicos, cuxo prazo para a presentación de propostas permanecerá aberto desde mañá e ata o próximo 28 de abril.

Un dos certames irá dirixido a alumnado universitario das ramas de Deseño, Publicidade e Belas Artes e a estudantes das escolas superiores de Deseño de Galicia. De entre todas as propostas que se reciban, explicou Vázquez Mejuto, un xurado especializado seleccionará ás finalistas, que serán sometidas a votación pública a través da páxina web da campaña www.menosbolsas.gal entre o 27 de maio e o 9 de xuño.

A proposta gañadora converterase na imaxe dun total de 15.000 bolsas de tea que serán distribuídas gratuitamente entre establecementos comerciais de toda Galicia e a maiores, os autores do deseño recibirán un premio en metálico de 500 euros e outro polo mesmo importe que deberán destinar a unha ONG da súa elección, co único requisito de que a entidade traballe a prol do medio ambiente.

En canto ao outro concurso, convocarase como un certame de debuxo aberto á participación de alumnos de primaria. De entre todas as propostas recibidas sairá a imaxe escollida para estampar nas 3.000 bolsiñas de tea para a merenda que no marco da mesma campaña se repartirán entre escolares de distintos puntos da comunidade. Neste caso, o gañador será recompensado cun premio de 250 euros e outorgaráselle a mesma cantidade ao seu centro escolar, un diñeiro que en ambos casos deberán destinar á compra de material escolar.

A conselleira de Medio Ambiente subliñou que coa distribución destas 18.000 bolsas de tea reutilizables a Xunta busca sensibilizar e implicar á vez á sociedade galega na loita contra o consumo de bolsas de plástico que se fai actualmente. Así, lembrou que este tipo de hábitos teñen un impacto directo no medio ambiente, polos altos niveis de residuos dispersos que producen e a ameaza particular que supón para os ecosistemas acuáticos.

A meta fixada pola normativa estatal, acorde tamén coa Directiva Europea na materia, establece como obxectivo a redución progresiva dun 80% do uso destas bolsas no período 2015-2025. Por iso, a conselleira indicou que co fin de acadar esa meta, estanse a dar pasos importantes como a obrigatoriedade de cobrar polas bolsas de plástico desde o pasado 1 de xullo, a prohibición das bolsas de plástico fragmentado desde o 1 de xaneiro de 2020, ou a decisión de que a partir de 2021 non se poidan comercializar bolsas de plástico lixeiras e moi lixeiras, agás aquelas que sexa compostables.

Principais actuacións desde a XuntaNesta liña, Vázquez Mejuto detallou tamén as principais actuacións que está a desenvolver a Xunta de Galicia para camiñar cara a unha xestión dos residuos domésticos máis moderna, eficaz e sostible e garantir a redución progresiva dos plásticos no noso día a día.

En concreto, a conselleira referiuse á futura Lei de Residuos e Solos Contaminados, que está en tramitación e previsiblemente sairá aprobada o próximo ano, unha norma coa que a Xunta pretende intensificar a loita contra os plásticos e que mesmo vai máis que a propia normativa estatal en aspectos concretos como a prohibición da venda de vaixelas deste tipo dun só uso, salvo que estea composta nun 50% de material biodegradable.

Así mesmo, Ángeles Vázquez tamén lembrou que o Goberno galego ten en marcha o Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia (PXRUG) 2010-2022, que marca a folla de ruta a seguir en materia de xestión de residuos e inclúe unha liña estratéxica específica orientada a reducir o consumo de bolsas de plástico a través de iniciativas que incidea de forma directa na prevención.

Precisamente, o concurso de ideas e de deseño presentado esta mañá pola conselleira enmárcase no devandito PXRUG, un documento que só este ano conta cun programa de actuacións específico para a mellora da xestión dos residuos urbanos dotado con 5,65 millóns de euros. Nel inclúense axudas a entidades locais para a creación de puntos móbiles e novos proxectos de recollida selectiva da fracción orgánica doméstica, unha convocatoria para o reparto de contedores de biorresiduos e diversas campañas de sensibilización e educación ambiental.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre