Inicio Galicia A Xunta saca a concurso no polígono das Gándaras máis de 33.000...

A Xunta saca a concurso no polígono das Gándaras máis de 33.000 metros cadrados de solo industrial divididos en catro parcelas

0

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reuniuse esta mañá coa asociación de empresarios desta área industrial para abordar a súa ampliación e a dispoñibilidade actual de superficie para albergar novos proxectos

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de poñer a disposición das empresas interesadas catro parcelas de solo industrial no polígono lucense das Gándaras. Estes solares, cunha superficie total de 33.606 metros cadrados, están incluídos no concurso que convocou a empresa pública Xestur o pasado 10 de febreiro e en virtude do cal os adxudicatarios beneficiaranse dunha bonificación do 50% aplicada pola Xunta sobre o prezo de venda oficial.

Así o lembrou esta mañá a conselleira Ángeles Vázquez en Lugo, a onde asistiu convidada pola Asociación de Empresarios do Polígono do Ceao e das Gándaras para falar da dispoñibilidade actual de solo para novos proxectos na cidade e o desenvolvemento a curto prazo de máis superficie de uso empresarial que permita cubrir as necesidades a futuro.

Neste sentido, cómpre lembrar que a Xunta vén de sacar un novo concurso para a venda de 770.000 metros cadrados de solo empresarial en 17 parques da súa propiedade. Un destes polígonos é o das Gándaras, onde se ofertan catro parcelas con 33.606 metros cadrados e un prezo de venda sen bonificar de 3.192.570 euros, polo que as empresas que se fagan con estes solares beneficiaranse dun aforro estimado en case 1,6 millóns de euros.

Ademais das bonificacións do 50% aplicadas pola Xunta, a conselleira explicoulles aos empresarios do Ceao e As Gándaras que os interesados tamén teñen a opción de adquirir solo en réxime de dereito de superficie, unha modalidade mediante a cal os adxudicatarios abonan un canon anual equivalente ao 1,5 por cento do prezo da parcela sen bonificar durante os dous primeiros anos. O prazo de presentación de ofertas remata o 10 de marzo.

Por outra banda, a conselleira e os representantes do sector empresarial das Gándaras tamén falaron da ampliación do polígono, cuxa primeira fase abordarase este ano e permitirá que unha soa empresa ocupe unha superficie de 25.000 metros cadrados así como abordar a construción de vieiros interiores, unha rotonda e a urbanización de aproximadamente a metade da parcela correspondente á seguinte fase da ampliación.

Unha área de forte crecementoCunha superficie total de 2.135.512 metros cadrados, o polígono das Gándaras é contiguo ao do Ceao e ambos conforman unha área de forte crecemento empresarial e industrial e cunha boa accesibilidade desde a A-6. Esta localización garante as súas funcións de especialización, consolidación e reforzo da oferta empresarial existente na capital provincial.

De feito, das 115 parcelas vendidas neste polígono industrial, un total de 79 foron adxudicadas desde o ano 2015 a prezos bonificados, o que supuxo un aforro de 11,7 millóns de euros para as empresas que se asentaron nas mesmas.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre