Inicio Galicia A Xunta reunirá na primeira gran exposición do Xacobeo obras clave da...

A Xunta reunirá na primeira gran exposición do Xacobeo obras clave da cultura galega nunca antes exhibidas en Galicia

0

‘Galicia, un relato no mundo’ estará comisariada por Manuel Gago e poderá visitarse na Cidade da Cultura entre o 8 de novembro e o 12 de abril de 2020


O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, anunciou hoxe que o Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura inaugurará o 8 de novembro Galicia, un relato no mundo, a primeira gran exposición internacional do Xacobeo 2021, un proxecto que aborda as relacións internacionais e o papel de Galicia na historia do mundo desde a prehistoria ata a actualidade.

Entre as máis de 300 pezas que reunirá esta ambiciosa mostra, o conselleiro avanzou que se poderán contemplar obras que nunca antes se exhibiron en Galicia, cun elevado valor simbólico e que resultan esenciais para comprender a cultura e a identidade galega no marco histórico internacional.

Neste senso, adiantou que a Xunta vén de chegar a un acordo co Trinity College de Dublín para que por vez primeira saia de Irlanda o Libro das Invasións, obra onde se atopa a primeira mención coñecida a Breogán, o personaxe lendario que avistou Irlanda desde o faro de Brigantia (cidade tradicionalmente identificada polos historiadores como A Coruña) e figura destacada no propio Himno Galego, que converte Galicia no Fogar de Breogán. O Libro das Invasións é parte do Book of Leinster –unha das principais compilacións da literatura medieval irlandesa– e, bebendo de fontes bíblicas, mitolóxicas e de autores cristiáns, dá conta da invasión de Irlanda por diferentes pobos entre eles os conquistadores procedentes de Brigantia.

Do mesmo xeito, o titular de Cultura informou dun acordo de préstamo asinado coa Cambridge University-Parker Library en virtude do cal poderá contemplarse, tamén por primeira vez en Galicia, o Mapa de Sawley. Considerado un dos primeiros mapa mundi enciclopédicos europeos, da época do Pórtico da Gloria (século XII), a obra representa a Catedral de Santiago como o edificio máis importante de Europa, ilustrándoa en maior tamaño que a Basílica de Roma. Isto dá unha idea moi precisa da relevancia de Compostela durante unha época coñecida como a Era Compostelana, un período de especial florecemento cultural, económico e institucional.

O anuncio de que estas obras viaxarán a Galicia prodúcese despois de que se confirmara que a exposición exhibirá dous códices calixtinos: o da Biblioteca Vaticana e o da Universidade de Salamanca, e que contará tamén co Cancioneiro da Vaticana, que xunto ao Cancioneiro de Ajuda e o Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa constitúen o corpus máis valioso da lírica medieval galaico portuguesa.

Entre outras moitas pezas, este proxecto cultural ofrecerá a posibilidade de contemplar tamén o Itinerario de Exeria, manuscrito procedente da Biblioteca de Arezzo en Italia que relata a peregrinación desta aristócrata galaicorromana, considerada a primeira escritora coñecida da Península Ibérica. Xunto a ela estará ademais o guerreiro de Lesenho, peza central para entender a Idade do Ferro no noroeste da Península, prestado polo Museu Nacional de Arqueologia de Portugal.

Cedidas de 80 instituciónsA presentación de Galicia, un relato no mundo tivo lugar esta mañá nun acto no Museo Centro Gaiás presidido polo conselleiro de Cultura e Turismo e ao que asistiu Rosario Álvarez, a presidenta do Consello da Cultura Galega –institución colaboradora da mostra–, e o comisario da exposición, Manuel Gago Mariño. O anuncio estivo arroupado tamén pola presenza do deán da Catedral de Santiago, Segundo Pérez; o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo; a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, e o comité científico asesor da mostra ao completo.“A confianza depositada por estas prestixiosas institucións, ao permitirnos expoñer obras de incalculable valor tanto material como simbólico, demostra unha vez máis o rigor transmitido por Galicia e as súas institucións no contexto internacional”, destacou o conselleiro de Cultura e Turismo, quen subliñou que a exposición reunirá obras cedidas por arredor de 80 institucións culturais e coleccións privadas, tanto de Europa e América como por suposto do resto de España e de Galicia.

Román Rodríguez avanzou que as negociacións seguen adiante e que, ao longo dos vindeiros meses, faranse públicas novas obras de enorme transcendencia na historia de Galicia cuxos préstamos se están a ultimar con algunhas das bibliotecas e museos de maior prestixio do mundo. Dun xeito especial, fixo fincapé na relevancia de América Latina dentro do discurso da exposición, con obras que se darán a coñecer proximamente.

Comisariado e comité científicoA exposición, comisariada polo profesor, xornalista e divulgador Manuel Gago Mariño, explora a profunda conexión do territorio histórico galego con outros países, rompendo co mito de illamento e periferia, e poñendo de relevo o seu impacto internacional. “Nun percorrido que nos leva desde a prehistoria ata a actualidade, a exposición estrutúrase arredor dos mitos, a historia, as memorias e as vidas dos galegos e galegas en diferentes épocas e contextos xeográficos”, explicou o comisario.

Xunto ao comisario, o comité científico da exposición está integrado por José Miguel Andrade Cernadas, profesor de Historia Medieval na Universidade de Santiago de Compostela (USC); Beatriz Comendador Rey, profesora de Prehistoria da Universidade de Vigo e membro do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT); José Manuel Costa García, profesor do Departamento de Arqueoloxía na USC; Emilio Grandío Seoane, profesor de Historia Contemporánea na USC; Juan Manuel Monterroso Montero, director do departamento de Historia da Arte na USC; e Rafael Rodríguez Martínez, arqueólogo da Deputación de Pontevedra. Ademais, o proxecto conta cun asesoramento especial na área de Emigración por parte da profesora de Historia de América na Universidade de Santiago de Compostela, Pilar Cagiao. O Consello da Cultura Galega colabora tamén con asesoramento especializado e o préstamo de diversos fondos vinculados á diáspora e á emigración galegas. Tamén presta a súa colaboración a este proxecto a Secretaría Xeral da Emigración.

Unha viaxe interactivaCuestións como as tendencias culturais e artísticas, as transformacións políticas, a influencia de vías de comunicación históricas como a peregrinación a Santiago de Compostela, os grandes movementos migratorios e a internacionalización da economía galega serán aspectos moi presentes na exposición, onde a tecnoloxía terá tamén un papel destacado.

Galicia, un relato no mundo baséase na idea de exploración por parte dos usuarios que, a través de solucións de montaxe gráficas e interactivas, deciden en cada momento canta información queren recibir. Tecnoloxías como sensores de movemento e presenza, sistemas inmersivos, proxeccións interactivas e realidade aumentada terán un destacado peso na construción do relato expositivo.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre