Inicio Galicia A Xunta retoma hoxe os actos expropiatorios coa convocatoria dos propietarios dos...

A Xunta retoma hoxe os actos expropiatorios coa convocatoria dos propietarios dos terreos para o acondicionamento da estrada Valdoviño-Cedeira cun estrito protocolo de seguridade

0

Esta é a primeira convocatoria desde que se decretou o estado de alarma, á que están chamados, entre hoxe e mañá, os 86 titulares das 136 fincas necesarias para executar os traballos na estrada AC-566


A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade retoma hoxe os actos expropiatorios aos que están convocados os propietarios dos terreos necesarios para executar o acondicionamento da estrada Valdoviño-Cedeira, seguindo un estrito protocolo de seguridade.

Este é o primeiro dos actos de expropiación que se efectúa desde que se decretou o estado de alarma, e nel seguíronse as medidas sanitarias e de prevención recomendadas fronte á covid-19, cumprindo un estrito protocolo de seguridade.

Neste sentido, para garantir o proceso e todas as medidas de seguridade sanitaria establécese que o local debe dispoñer dunha superficie suficiente para garantir a separación mínima, zona de espera ampla e ventilación e limpeza frecuente, onde non se poderá superar o límite de aforo e estarán dotados con carteis informativos e indicadores e xeles hidroalcohólicos. Mentres, os titulares das fincas teñen a obriga de asistir con máscara, ir só as persoas estritamente necesarias e non acudir no caso de presentar febre ou síntomas respiratorios.

Así, entre hoxe e mañá a Casa da Cultura do concello de Valdoviño acollerá os 86 titulares das 136 fincas necesarias para executar estas obras na estrada AC-566. Para axilizar esta actuación, os propietarios dos terreos xa teñen tamén data de nova convocatoria para o levantamento das actas de ocupación, para os días 6 e 7 de agosto no mesmo lugar, tras o pago pola Administración dos depósitos previos.

Esta actuación do departamento da Infraestruturas céntrase na mellora dun treito de case 4 km da estrada autonómica AC-566, desde a saída do núcleo urbano de Valdoviño ata A Ramalleira.

Unha vez cumpridos os trámites expropiatorios, co levantamento de actas de ocupación, os terreos quedarán dispoñibles para a execución desta actuación de mellora da estrada Valdoviño-Cedeira, de cara a lograr unha maior mobilidade e seguridade viaria.

Estas obras están xa licitadas, presentándose un total de 22 ofertas, algunhas delas realizadas a través de unión temporal de empresas, polo que a participación no concurso ascende a 29 empresas.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre