Desde a pasada primavera os traballos de construción da nova infraestrutura obrigaron a impor restricións de tráfico na contorna do enlace de Gargantós da Autovía das Rías Baixas
A Xunta restablecerá mañá ao mediodía a normalidade do tráfico no treito da A-52 afectado polas obras de construción da conexión co Polígono de San Cibrao das Viñas. Póñense así fin ás restricións de tráfico activas desde a pasada primavera na contorna do enlace de Gargantós da Autovía das Rías Baixas.
A afección ao tráfico debeuse á remodelación deste enlace en Gargantós, onde a nova vía conectará mediante unha glorieta coa autovía das Rías Baixas e coa de Ourense-Celanova.
A Xunta avanza desta forma nas obras da nova conexión da autovía das Rías Baixas co polígono empresarial ourensán, coa previsión de pór en servizo esta vía a mediados do 2020, cun investimento de case 22 millóns de euros.
Neste momento estanse a desenvolver os traballos previos de desmontaxe do desvío provisional, nos puntos quilométricos 216+500 e 218+000, e se ultiman os traballos no firme para o restablecemento da circulación pola A-52.
Atendendo ás condicións meteorolóxicas e a necesidade de manter as garantías para a seguridade viaria, efectuarase o pintado de amarelo do tronco da calzada.