Inicio Galicia A Xunta resalta a figura e legado de Antonio Fraguas na defensa...

A Xunta resalta a figura e legado de Antonio Fraguas na defensa da cultura e a lingua galegas

0

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu hoxe a homenaxe a Antonio Fraguas na tradicional celebración do Día das Letras Galegas feita polo EGAP

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado pola directora da Escola Galega de Administración Pública, Sonia Rodríguez-Campos, presidiu este mércores a homenaxe a Antonio Fraguas na tradicional celebración do Día das Letras Galegas feita pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP). Alfonso Rueda resaltou o traballo de Antonio Fraguas por e para Galicia, poñendo o acento no seu coñecemento sobre a cultura, as tradicións e o folclore galego, e tamén na súa calidade humana.

O acto literario dedicado a Antonio Fraguas contou coa actuación de música de Sonsoles Penadique e a función de contacontos de Verónica Rilo, ademais da xa tradicional entrega dos premios do Concurso de literatura infantil e xuvenil da EGAP. Para eles tivo unhas palabras o vicepresidente da Xunta que se dirixiu aos mais cativos para felicitalos e recordarlles que sigan lendo, escribindo e estudando tamén en galego.

Alfonso Rueda quixo destacar a defensa da cultura e a lingua galega de Fraguas, xunto co seu compromiso e a súa humildade.

Durante o acto, a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, incidiu na importancia da celebración desta cerimonia que se converteu nunha tradición para o organismo e que pon de manifesto que a defensa da nosa lingua debe estar sempre presente no labor das institucións públicas do país. Por último, as autoridades presentes inauguraron unha mostra de arte das Letras Galegas con traballos de persoal empregado público.

As actividades continuarán o próximo día 17 de maio cunha viaxe de interese cultural polos escenarios onde transcorreu unha boa parte da vida do autor homenaxeado e á que asistirán 50 empregadas e empregados públicos de Galicia.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre