Inicio Galicia A Xunta repercutirá á empresa que explota o encoro do Eume os...

A Xunta repercutirá á empresa que explota o encoro do Eume os gastos derivados da emerxencia do río e do abastecemento de Pontedeume

0
image_gallery.jpg

A Consellería de Sanidade levantou esta mañá as restricións sobre o consumo de auga do abastecemento


A Xunta de Galicia repercutirá á empresa que explota o encoro do Eume os gastos derivados da emerxencia do río e do abastecemento de Pontedeume. Así se trasladou esta mañá na reunión da Comisión de Seguimento da situación, que se celebrou por videoconferencia, e na que se avaliou a turbidez da auga do río Eume e do abastecemento. A Consellería de Sanidade levantou esta mañá as restricións sobre o consumo de auga do abastecemento.

Tras a reunión, a directora de Augas de Galicia desprazouse ata Pontedeume para supervisar, sobre o terreo, os traballos que se están a realizar na zona de captación de abastecemento de auga do río Eume e na estación de tratamento de auga potable municipal, onde no día de hoxe comezou a actuación da Xunta.

Nesta primeira reunión da Comisión de Seguimento tamén se informou da incoación dun expediente sancionador á empresa que explota a presa por incumprir os requirimentos efectuados por Augas de Galicia e non seguir as directrices de explotación do encoro. Ademais, comunicouse que se deron indicacións á empresa para que manteña o nivel das augas do encoro nos parámetros normais de explotación e para que adopte as medidas oportunas para reducir a turbidez no río.

Na reunión desta mañá participaron, por parte da Xunta, a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, o xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira e técnicos dos departamentos de Obras e de Calidade das Augas, ademais da xefa territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Cristina Carrión, xunto con representantes do Intecmar. Tamén participaron os alcaldes de Pontedeume e de Cabanas, representantes da empresa concesionaria do sistema de abastecemento municipal e da empresa responsable da xestión do encoro.

No encontro avaliouse a situación que ten motivado a declaración de emerxencia por parte de Augas de Galicia, coa posta en común de toda a información da que dispón a Xunta, ademais da información municipal, a derivada da xestión do encoro ou a dispoñible no eido do patrimonio natural e dos recursos mariños. Abordáronse así, os parámetros da calidade da auga, o caudal do río e a variación dos niveis do encoro, ademais da afección sobre o abastecemento.

Deuse conta da declaración de emerxencia realizada por Augas de Galicia para poder executar de xeito áxil as medidas para restablecer o servizo de abastecemento con garantías, que suporán un investimento estimado en 1,5 millóns de euros.

Logo de analizar diversas alternativas, concluíuse que actuar sobre a potabilizadora municipal é a medida máis eficaz e rápida para restablecer os parámetros da auga, con sistemas que favorezan a coagulación e a decantación das partículas en suspensión.

Por iso a maior parte do investimento destinarase á modernización da estación de tratamento de auga potable municipal, que carece de cámaras de mestura de reactivos e auga bruta e tamén de tratamentos físico-químicos, ademais de que dispón dun decantador excesivamente pequeno e con pouca capacidade de filtrado.

Na reunión deuse conta das actuacións que se levaron a cabo desde un primeiro momento para tratar de reducir a turbidez na estación de tratamento de auga potable municipal: como a disposición das barreiras de contención no río que Augas de Galicia estaba a empregar nos traballos de saneamento que está a levar a cabo en Pontedeume ou a aplicación de tratamentos físico-químicos que se empregaron na potabilizadora para tratar de reducir a turbidez. Nos últimos días, desde o pasado venres, técnicos dunha empresa especialista en emerxencias ambientais están a levar a cabo unha campaña de mostraxes ampliando o alcance do seguimento que se viña facendo.

Representantes da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda constataron, ademais, que ata o momento non se detectaron danos na fauna nin mortaldade piscícola. En todo caso, os axentes medio ambientais seguen a facer un seguimento permanente para verificar que non mudan as condicións ambientais do río e, polo tanto, que non se produzan afeccións nos ecosistemas presentes na canle fluvial. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre