Inicio Galicia A Xunta repartiu máis de 278.000 euros en axudas para obras e...

A Xunta repartiu máis de 278.000 euros en axudas para obras e equipamentos de 23 asociacións de veciños da provincia de Lugo

0

A directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, informou hoxe en Lugo da convocatoria para 2020 de axudas destinadas a asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e mulleres rurais

A directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, informou hoxe na delegación territorial do Goberno galego en Lugo da convocatoria de axudas para 2020 destinadas a asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e mulleres rurais. A Administración autonómica investiu nesta orde 2,5 millóns de euros, o que supón un incremento de case o 70% respecto ao ano pasado e a contía máis elevada desde 2016.

A Xunta distribuíu o ano pasado máis de 278.000 euros entre 23 asociacións de veciños da provincia de Lugo. As organizacións beneficiarias pertencen aos concellos de Lugo, Portomarín, Abadín, Chantada, O Corgo, Baleira, Friol, Sober, Xermade, A Pastoriza, Cervantes, Ribeira de Piquín, xunto con outras cinco entidades veciñais do municipio de Riotorto, catro de Mondoñedo e dúas de Cervo. Grazas a estas achegas, as asociacións da provincia puideron rehabilitar e acondicionar os seus locais, comprar novos equipamentos, así como reparar camiños veciñais ou mellorar o abastecemento de auga dalgúns núcleos .

Marta Fernández-Tapias incidiu en que a Xunta aposta desta forma por fomentar o asociacionismo e a dinamización do movemento veciñal con actuacións que contribúan a satisfacer as necesidades e demandas da veciñanza e redunden na mellora da calidade de vida local.

A directora xeral de Administración local lembrou que xa está publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria para 2020 destas axudas dentro do plan de acción comunitaria. Nesta liña, lembrou que as asociacións teñen de prazo ata o 30 de xaneiro para formalizar as súas solicitudes e que deberán presentalas por medios electrónicos de forma obrigatoria a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). As actuacións financiadas ao abeiro desta orde inclúen, por unha banda, os gastos ocasionados como consecuencia de investimentos realizados en inmobles de titularidade da entidade solicitante ou sobre os que teña un dereito de uso para reforma, ampliación e mellora; e por outra parte, a adquisición dos equipamentos necesarios para o seu funcionamento ordinario, o que lles permite manter a actividade que desenvolven, así como a prestación de servizos e organización de actividades. O importe máximo concedido será de 17.000 euros por entidade, 12.000 euros para a realización de obras e 5.000 euros na dotación de equipamento. A Xunta pode anticipar o 100% da contía das axudas. Ademais, como novidade, na convocatoria deste ano, as axudas concederanse por concorrencia competitiva, e non por orde de presentación coma nos exercicios anteriores. Esta liña de subvencións iniciouse no ano 2016, e a día de hoxe está plenamente consolidada nos orzamentos anuais da Dirección Xeral de Administración Local. O investimento do Goberno galego entre 2016 e 2019 ascende a 10,4 millóns de euros.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre