Inicio Galicia A Xunta repartiu durante a crise sanitaria máis de 1.400 ordenadores a...

A Xunta repartiu durante a crise sanitaria máis de 1.400 ordenadores a familias luguesas con menos recursos para garantir a actividade educativa en liña

0

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, explicou que a Consellería de Educación entregou 300 ordenadores e 392 conexións gratuítas a Internet para alumnado de Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional


A Xunta de Galicia leva entregados 1.449 ordenadores a familias con menos recursos da provincia de Lugo desde o inicio da crise do coronavirus, co fin de que o alumnado poida seguir a actividade educativa en liña.

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que esta cifra constitúe a suma dos ordenadores con conectividade enviados pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) xunto cos equipos que tiñan os propios centros educativos e que se puxeron a disposición do alumnado que o precisase.

Os centros de ensino facilitaron 1.149 equipos que tiñan dispoñibles -13 son tablets- e ademais a Xunta de Galicia distribuíu 300 ordenadores e 392 conexións a internet gratuítas entre 55 centros públicos lugueses para achegarllos a alumnado que cursa Secundaria, Bacharelato ou Formación Profesional.

Balseiro explicou que na provincia de Lugo a Xunta fixo a mediados de abril unha primeira entrega de 156 portátiles con conexión á rede; e a semana pasada completouse o reparto doutros 144 ordenadores e 236 conexións.

No caso das conexións a internet cómpre lembrar que son gratuítas, grazas á colaboración dos operadores Orange, Vodafone e R; e do Ministerio de Educación con Telefónica.

Esta distribución de portátiles ás familias estase levando a cabo a través dos centros de ensino, grazas á colaboración dos equipos directivos, cos que se contacta previamente para pechar a entrega do equipamento. No reparto tense en conta a súa situación socioeconómica, priorizando o alumnado dos cursos de final de etapa que titulen (4º da ESO, 2º de Bacharelato e 2º de FP) e a aquelas familias que non dispoñen nos fogares de ordenador nin de conexión a internet.

As familias reciben os equipos como préstamo persoal para facilitarlles aos seus fillos o seguimento virtual da actividade educativa mentres dure a suspensión das clases presenciais.

Estes recursos tecnolóxicos súmanse aos ordenadores e libros dixitais que ofrece durante todo o curso a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional ao alumnado dos centros que participan nos programas dixitais Abalar e E-Dixgal.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre