Inicio Galicia A Xunta remite ao Comité Español da Unesco a candidatura da Ribeira...

A Xunta remite ao Comité Español da Unesco a candidatura da Ribeira Sacra para converterse na sétima reserva da biosfera

0

Un Consello Científico será o encargado agora de avaliar o documento técnico no que se recollen os méritos e requisitos que reúne este espazo natural para obter a declaración, antes de sometelo de novo á deliberación dos membros do MAB


A candidatura coa que a Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel aspiran a converterse na sétima reserva da biosfera de Galicia xa está presentada oficialmente. Hoxe mesmo o documento técnico elaborado pola Xunta foi remitido á Secretaría do Comité Español do Programa MAB (Home e Biosfera) da Unesco, que será o encargado agora de continuar coa súa tramitación.

A Xunta cumpre así co calendario previsto, ao remitir a candidatura antes de final de ano ante o órgano consultivo responsable de avaliar todas as propostas españolas que aspiran a ser declaradas reservas da biosfera. Hai dúas semanas o documento técnico da Ribeira Sacra superou o último trámite administrativo que lle quedaba na comunidade ao someterse á consideración do Comité de Coordinación da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia. E unha vez remitido pola Consellería de Medio Ambiente a Madrid, será agora o Comité Español do Programa MAB o encargado de continuar coa tramitación interna da candidatura.

Así, a memoria técnica elaborada pola Xunta deberá superar a continuación o informe do Consello Científico, órgano asesor do Comité e que fai unha labor de seguimento, avaliación e apoio técnico ás reservas da biosfera, ademais de ser o encargado de recomendar ou non a aprobación das novas propostas. Unha vez superado este trámite, a candidatura da Ribeira Sacra deberá someterse á deliberación dos membros do Comité Español do Programa MAB, órgano de carácter consultivo.

Este sería o último paso antes de que o expediente pase a mans da Unesco para a decisión definitiva. Precisamente, no recente Cumio Mundial do Clima celebrado en Madrid a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, tivo ocasión de informar a Miguel M. Clusener- Godt -secretario do Programa MAB da Unesco, que deberá pronunciarse en última instancia sobre a declaración- dos últimos avances na candidatura da Ribeira Sacra, ao tempo que o convidou a visitar Galicia e coñecer a zona persoalmente.

Cómpre lembrar que a memoria técnica remitida hoxe a Madrid é froito dun longo e minucioso traballo liderado pola Xunta pero no que participaron numerosas persoas, colectivos e institucións interesadas en acadar o desenvolvemento sostible dun territorio que alberga un patrimonio natural e cultural tan valioso. Concretamente, concellos, grupos de desenvolvemento rural, universidades, sector turístico e outros colectivos tiveron ocasión desde o principio de participar activamente e facer as súas contribucións á proposta durante os dous anos que durou a súa tramitación.

Trátase, polo tanto, dun documento serio e rigoroso, que vén avalado por un gran consenso previo, como demostran os escritos emitidos por 41 entidades públicas para amosar o seu apoio formal á candidatura ou o feito de que no período de participación pública tan só se recibiran nove alegacións.

Ademais, co fin de concretar as actuacións a desenvolver nesta zona cando obteña a declaración de reserva da biosfera –previsiblemente e se se compren os prazos previstos, no ano 2021-, a candidatura incorpora o seu propio Plan de Xestión, cun investimento estimado en 10 anos de 4,5 millóns de euros; e se enmarca á vez dentro do chamado Plan de Acción Estratéxico de Ribeira Sacra, que foi informado favorablemente polo Consello da Xunta hai case tres meses, contempla un paquete de 10 actuacións ambientais e de ordenación do medio físico e conta cun orzamento total de 3,5 millóns de euros.

O espazo conformado pola Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel aglutina a un total de 23 concellos -18 da provincia de Lugo e outros cinco de Ourense- cun alto valor paisaxístico e cultural en común, unidos pola súa aposta por un desenvolvemento sustentable baseado nas prácticas tradicionais. Trátase dun territorio, a cabalo entre as provincias de Lugo e Ourense, de excepcional valor e riqueza polos seus compoñentes ambientais, paisaxísticos e culturais, como demostra a súa recente declaración como Ben de Interese Cultural (BIC).

De feito, a zona proposta como futura reserva da biosfera abrangue espazos Rede Natura 2000 tan importantes como o ZEC Os Ancares-O Courel, o ZEC Río Cabe, ZEC Monte Faro, o ZEC Pena Veidosa, ou o ZEC Canon do Sil, o Enil Río Loio-Ruxidoira e o Monumento Natural Campodoia-Leixazós.

Neste sentido, se a candidatura supera todos os requisitos esixidos pola Unesco, este territorio estaría en disposición de obter un triplo recoñecemento por parte do organismo internacional. Cómpre lembrar que o pasado abril xa declarou Xeoparque as Montañas do Courel, que se converteron así no primeiro espazo natural con esta denominación en Galicia; e ademais, a Consellería de Cultura traballa nunha iniciativa para promover o recoñecemento da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial. Así mesmo, de cumprirse o obxectivo de que en 2021 a Ribeira Sacra se converta na sétima reserva da biosfera de Galicia, o 42% da superficie galega quedaría amparada baixo algunha figura de protección.

Seis reservas da biosfera en GaliciaGalicia conta nestes momentos con seis reservas da biosfera -un dos recoñecementos de carácter internacional máis importantes en relación coa conservación e o uso sustentable do patrimonio- que representan arredor do 25% do territorio da comunidade. Coa incorporación da Ribeira Sacra, a extensión protexida en Galicia baixo a figura de reserva da biosfera se incrementaría ata chegar ao 34% do territorio, de aí a importancia desta candidatura para a preservación e o recoñecemento internacional do patrimonio natural da comunidade.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre